Declaración institucional do Concello de Vigo ante o asasinato de Santos Santamaría
Periodicamente, como queréndonos deixar claro que as súas mentes criminais non van desistir da ameaza e da chantaxe, os terroristas golpean a nosa convivencia atentando contra os nosos bens máis valiosos: a liberdade e a paz. Desta volta a sombra negra do seu selo pousouse en Cataluña, revestida polas súas características de sempre: a covardía, a falta de escrúpulos, a traizón.
A dor que hoxe senten os familiares e amigos de Santos Santamaría é compartida por todos nós. Sentimos noxo ante os que utilizan a dinamita como tarxeta de presentación ante os cidadáns: ante os que optan pola sinrazón das pistolas fronte ás virtudes da convivencia en paz e democracia.
Os vigueses e viguesas demostramos reiteradamente con ducias de actos públicos coma este a nosa total repulsa ante o uso da violencia. Esta cidade está, rotunda e radicalmente, en contra dos terroristas. Nada pode xustificar as súas viles e criminais accións.
Unha sociedade que aspire ao progreso debe medrar sobre uns alicerces forxados no respecto aos dereitos humanos e na tolerancia. Non hai futuro, alomenos non o futuro que desexamos para as vindeiras xeracións, se non contamos coa mínima condición de dispoñer dunha convivencia en paz. Por iso é o noso deber e a nosa responsabilidade mantérmonos unidos e firmes na defensa dos valores que consideramos fundamentais. Esa é a mellor actitude posible para combater a abominable lacra da violencia.
Vigo, 19 de marzo de 2001