Escoitar

A Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego presentará 21 proxectos para contratar 340 desempregados

luns, 19 mar 2001
imx38.jpg
A Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego presentará 21 proxectos municipais de interese xeral e social diante da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, para acollerse ós Programas de Cooperación con entidades locais, despois de que fosen aprobados pola Comisión de Goberno.

A execución destes proxectos suporía a contratación dun total de 340 desempregados, cun custo total de máis de 520 millóns de pesetas e cunha media de duración dos contratos de seis meses.

Estes Programas de Cooperación coas entidades locais enmárcanse nas chamadas “políticas activas de emprego”, que son competencia da Xunta de Galicia desde 1998, e o seu obxectivo é a contratación de desempregados para a execución de obras e servicios de interese xeral e social, subvencionando os custos salariais totais e a cotización empresarial á Seguridade Social.

O Concello de Vigo confía en que este ano 2001 a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude sexa coherente co 37% que Vigo representa na provincia de Pontevedra en materia de desemprego, e que supón seis puntos máis do que abarca a súa poboación (31% da provincia). O ano pasado, dos 21 proxectos que se presentaron ante a Consellería, tan só se aprobaron 14, o que supuxo un custo de 112 millóns de pesetas e unha contratación de 110 traballadores.

Este ano hai que destacar a novidade do convenio colectivo que rexe as contratacións de carácter temporal, no marco do Plan Municipal de Emprego 2000-2001, asinado entre o Goberno Municipal e as centrais sindicais CC.OO, UXT e CIG, polo que será de aplicación para os contratos de traballadores que se fagan dentro dos Programas de Cooperación.
Descargar todas as imaxes