Escoitar

Segundo concerto do ciclo de música Xeración 2000+7

O Auditorio do Conservatorio Superior de Música acolle este xoves a partir das 20.30 un concerto a cargo dos pianistas Alexander Gold e Eriko Ishimoto, dentro da sexta edición do ciclo de música <a href = 'http://xornal.vigo.org/xnnoticia.php?noticia=8056'>Xeración 2000+7</a>.

mércores, 23 mai 2007
11799108631179314802xeracion.jpg
Alexander Gold Makarov naceu en 1946 en Moscova. Entre 1954 e 1964 realizou os seus primeiros estudos de música na Special School de Moscova con E.M. Timakin. Continuou os seus estudos no Conservatorio de Moscova baixo a supervisión do profesor J. Flier. En 1980 pasou a formar parte da Institución Nacional Filharmónica de Moscova e nove anos despois trasladouse a Israel, onde se converteu en director artístico e profesor da escola de música especial para nenos superdotados en Tel Aviv ata o ano 1991. En 1994 pasou a ser profesor do North Netherlands Conservatory.

Gold é membro honorario do Concurso Chopin Internacional de Piano de Moscova. Ademais, impartiu clases maxistrais e deu recitais en España (Barcelona e Santiago de Compostela), Islandia (Reykjavik), Rusia (Moscova), Suíza (Zurich) e Israel (Tel Aviv). A súa traxectoria como profesor de piano viuse coroada polos premios que moitos dos seus alumnos acadaron en importantes concursos internacionais.

Eriko Ishimoto naceu en Xapón en 1968. Entre 1983 e 1990 realizou os seus estudos de piano na Toho Gakuen School of Music de Tokyo, co profesor H. Hayashi, e conseguiu en 1990 o título superior de piano. Desde 1991 ata 1996 estudou na Academy of Music Franz Liszt de Budapest co profesor G. Nador e recibiu unha bolsa do goberno húngaro. Desde esa data e ata 1998 asistiu a clases do profesor A. Gold Makarov no Conservatorio de Groningen (Países Baixos) e nese mesmo conservatorio rematou un curso de posgrao.

Ishimoto ten recibido numerosos galardóns, como o 2º Premio na All Japan Competition for Students in Tokyo Area (1985); un Diploma especial no Concurso Internacional "V. Bellini" en Catalnissetta, Italia (1985); o 2º Premio no Concurso Internacional "Città di Mazara del Vallo", Italia (1996); o 1º Premio no F.M. Classic Concours, Amsterdam (1997); o Premio Schubert no Concurso Internacional "Viotti-Valsesia" en Varallo, Italia (1997), e o 3º Premio no Concurso Internacional "A.M.A. Calabria", Lamezia Terme, Italia (1999). En marzo de 2000 tocou como solista coa Noord Nederlands Orkest de Groningen.

O programa do concerto do xoves é o seguinte:

- Franz Liszt (1811-1886): Soneto de Petrarca
- Fréderic Chopin(1810-1849): Fantasia-Impromtu
Scherzo No.1
Scherzo No.2
- George Gershwin (1898-1937): Rapsody in Blue (versión para dous pianos).
Descargar todas as imaxes