Escoitar

Unha guía para promover a corresponsabilidade entre alumnos de ESO

A Concellería da Muller vai distribuír a partir da semana que vén 12.000 exemplares da guía para a corresponsabilidade "¡Rebélate: estás na idade!", dirixida aos alumnos e alumnas de ESO dos centros públicos e concertados de Vigo.

martes, 15 mai 2007
1179232034corresponsab150507.jpg
A guía, presentada hoxe martes pola concelleira Lucía Molares, ten por obxectivo mostrar aos mozos e mozas as desigualdades existentes entre homes e mulleres á hora de repartiren as tarefas do fogar, e animalos a implicarse na súa resolución e asumir responsabilidades nas súas propias casas. Deste xeito, preténdese liberar as mulleres de parte da carga de traballo que por causas de xénero lles foi tradicionalmente asignada e, ao mesmo tempo, concienciar os alumnos e alumnas para que adquiran esta clase de habilidades desde novos.

A guía comeza explicando as diferentes pautas de comportamento e os diferentes espazos asignados a homes e mulleres en función do xénero, para dar conta do desigual reparto de tarefas no ámbito familiar. A continuación, explícase o que é a corresponsabilidade, definíndoa como "a esixencia de compartir todas as persoas da familia as actividades e responsabilidades necesarias para acadar unha maior calidade de vida". Esta definición apóiase con exemplos do que non é e do que é corresponsabilidade, partindo de situacións cotiás, como fregar a louza, facer a cama, facer a compra e pasar o ferro. Para finalizar, a guía dá instrucións prácticas para que os mozos e mozas actúen de maneira corresponsable nos seus fogares e proponlles un cuestionario sobre quen realiza as tarefas domésticas nas súas familias.

Doce mil unidades desta guía serán distribuídas a partir da próxima semana entre un númeo similar de mozos e mozas, que son os que actualmente estudan ESO nos centros públicos e concertados de Vigo.

Os contidos da guía "¡Rebélate: estás na idade!" foron elaborados pola propia Concellería da Muller coa colaboración técnica da Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega. A súa distribución enmárcase no III Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres 2005-2007, que inclúe outras actividades tanto no ámbito da educación secundaria como no de infantil e primaria, como son o programa "Camiña con nós pola igualdade" e os incentivos aos centros de ensino, ademais doutras iniciativas para fomentar a corresponsabilidade, como son os cursos "Vivir en parella é cousa de 2".
Descargar todas as imaxes