Escoitar

Os nenos hospitalizados no Xeral poderán recibir clases dos seus mestres co programa Vigo Dixital

As Concellarías de Participación Cidadá e Benestar Social do Concello de Vigo acaban de pór en marcha unha iniciativa pioneira en Galicia, que consistirá na atención educativa dos nenos que están hospitalizados no Hospital Xeral con estadías de máis de un mes.

mércores, 14 mar 2007
1173877003vigodixital140307.jpg
A singularidade do proxecto, denominado Vigo Dixital, está no feito de que os cativos, que actualmente reciben ensino de persoal que se atopa no propio hospital, verán reforzada esa atención coa que impartirán os seus propios mestres desde as aulas. Este servizo é fundamental para que os rapaces doentes poidan recibir a mesma formación que os seus compañeiros que se atopan nas aulas.

Na actualidade o proxecto está na fase de elaboración do seu software, e está previsto que entre en funcionamento o próximo curso escolar, atendendo as necesidades educativas duns 20 rapaces, que é o promedio dos que permanecen no Hospital Xeral con estadías de longa duración. A concelleira de Participación Cidadá e Benestar Social, Marta Iglesias, adiantou que se realizará unha experiencia piloto a partir de abril.

Vigo Dixital é un programa educativo dirixido aos nenos de 6 a 16 anos (a franxa do ensino obrigatorio) que están hospitalizados ou en fase de recuperación nos seus domicilios, e que pola súa situación non poden asistir aos centros escolares nos que están matriculados.

A proposta, desenvolvida polas Concellarías de Participación Cidadá e Benestar Social do Concello de Vigo ao abeiro do programa europeo "e-Europe" de desenvolvemento das TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación), permite que estes nenos poidan recibir clases coordinadas polos mestres dos centros onde están matriculados, utilizando as últimas tecnoloxías, como ordenadores con conexións de banda ancha, Tablet PC, encerados virtuais e unha plataforma de software intuitiva e de fácil uso.

Ademais dos nenos e nenas, e dos seus pais, os mestres que se sumen á iniciativa recibirán un curso de formación previo.

Outro aspecto salientable é que o proxecto permitirá crear unha base de datos de recursos educativos xerados no propio programa, que poderán ser utilizados por toda a comunidade educativa.

O proxecto porá as TIC ao servizo dos rapaces, axudando, segundo afirmou a alcaldesa, Corina Porro, a "mellorar o sistema educativo como unha parte máis do tratamento da enfermidade", mediante un "labor compartido entre pais, educadores e persoal sanitario".

Encadrado no programa europeo "Cidades Dixitais", Vigo Dixital evita romper o vínculo do alumno co seu centro de ensino. Isto supón, na práctica, a posta en marcha dunha "aula multimedia" dedicada á formación presencial e a distancia, así como unha sala de videoconferencias.

Vigo Dixital é un programa desenvolvido polas Concellarías de Participación Cidadá e Benestar Social do Concello de Vigo en colaboración coa Xunta de Galicia, o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e a Unión Europea a través dos fondos FEDER de desenvolvemento rexional, cun orzamento de case 700.000 euros. Desta cantidade, o Concello achega 300.000 euros, a Xunta de Galicia, 235.000, e o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, algo máis de 163.000.
Descargar todas as imaxes