Escoitar

O Pleno aproba exencións fiscais para colectivos desfavorecidos

O Pleno da Corporación Municipal aprobou hoxe xoves un conxunto de exencións fiscais proposto polo Goberno local coa intención de favorecer a colectivos desfavorecidos. A proposta saíu adiante cos votos favorables do PP e a abstención dos restantes grupos.

xoves, 28 dec 2006
1167314978pleno281206.jpg
Esta medida, defendida polo concelleiro de Economía, Javier Guerra, afectará aos membros de familias con ingresos brutos anuais per cápita inferiores a 3.200 euros. A este criterio, segundo explicou Guerra, aplicaránselle dous factores correctores para estender as súas vantaxes a un maior número de persoas.

Así, estarán exentas da mesma carga fiscal as persoas que vivan soas e conten cuns ingresos que non superen os 4.256 euros anuais e os maiores de 65 anos que non reúnan máis de 6.400 euros ao ano. As persoas que reúnan estas dúas circunstancias tamén estarán exentas sempre e cando non ingresen máis de 8.512 euros anuais.

As exencións afectan aos servizos de documentos, cemiterios, lixo, inspección sanitaria e análises químicas, servizos sanitarios do Concello, desinfección, desinsectización, desratización, primeira etapa de Educación Infantil, instalacións do Instituto Municipal dos Deportes e ensinanzas especiais.

O Goberno local estima que estas exencións beneficiarán a 5.000 familias viguesas, cifra que pode supor un total aproximado de 15.000 persoas, de acordo cos cálculos de Javier Guerra.

Por outra parte, o Pleno aprobou por unanimidade a incorporación do Concello de Vigo ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, así como unha declaración de condena das violacións dos dereitos humanos en Guantánamo.

Finalmente, recibiu o apoio unánime da Corporación Municipal unha moción do PG sobre o posible peche do Consulado de Portugal en Vigo, pola que se demandan da Deputación Provincial, da Xunta de Galicia e do Goberno de España as "negociacións oportunas" para o seu mantemento. Polo mesmo acordo, a Corporación diríxese aos concellos do Norte de Portugal "para que á súa vez dean os pasos que consideren oportunos" ante o goberno do seu país.
Descargar todas as imaxes