Escoitar

Concello e Xunta cofinanciarán actividades de inserción sociolaboral en 2007

O Concello e a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia van pór en marcha en 2007 un equipo de inclusión sociolaboral para persoas residentes en Vigo. A Xunta de Goberno Local aprobou onte martes o convenio de cooperación correspondente, que establece unha achega autonómica de 164.000 euros e unha achega municipal de 25.000.

mércores, 27 dec 2006
1167226053xunta310706.jpg
O portavoz do Goberno local, José Manuel Figueroa
Este convenio permitirá a realización de actividades de inserción sociolaboral para persoas e colectivos en situación ou risco de exclusión social, no marco do II Plan Galego de Inclusión Social 2007-2012, cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

O importe total de 189.000 euros destinarase ao aboamento de salarios e seguridade social do equipo de traballo encargado do desenvolvemento das accións mencionadas.

Por outra parte, dentro da área de Desenvolvemento Local e Emprego, a Xunta de Goberno decidiu prorrogar por un ano máis (do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2007) o convenio de colaboración entre o Concello e a Fundación Secretariado Gitano. A achega municipal será de 32.500 euros.

Este convenio enmárcase nun programa da Unión Europea contra a discriminación xestionado pola Fundación Secretariado Gitano en Vigo a través do dispositivo "Acceder". A actividade que se leva a cabo dentro deste dispositivo céntrase na formación e inserción laboral das persoas de etnia xitana, que en Vigo son algo máis de 1.000.

Finalmente, o Goberno local autorizou un gasto de 500.000 euros anuais para a contratación, por un período de dous anos, do dispositivo de atención á infancia e á familia. O prazo para a presentación de ofertas ao concurso para a adxudicación do dispositivo abrirase proximamente, segundo sinalou onte martes o portavoz do Goberno municipal, José Manuel Figueroa.
Descargar todas as imaxes