Escoitar

O Centro Cívico do Casco Vello acollerá unhas xornadas para facilitar a adopción

A concelleira de Benestar Social, Marta Iglesias, presentou hoxe mércores as Primeiras Xornadas de Formación Específica para Solicitantes de Adopción, organizadas pola Fundación Balms para a Infancia, e que terán lugar a partir do próximo 20 de xaneiro no Centro Cívico do Casco Vello.

mércores, 20 dec 2006
1166625782adopcion201206.jpg
Os destinatarios desta iniciativa son as parellas que xa solicitaron a adopción, se ben a organización baralla a posibilidade de darlles prioridade ás parellas que aínda non teñan sido valoradas para a consecución do certificado de idoneidade.

Durante as xornadas, estas persoas recibirán formación dunha psicóloga, unha traballadora social, un avogado e, probablemente tamén, de familias que xa teñen nenos adoptados. Con esta formación, a Fundación Balms pretende capacitar os posibles adoptantes sobre as características xerais e específicas do proceso de adopción e dotalos dunha serie de recursos que lles permitan facer fronte ás súas novas realidades e responsabilidades como pais e nais adoptivos.

As xornadas, ás que poderá asistir un máximo de 25 persoas, desenvolveranse os días 20 de xaneiro, 3 e 17 de febreiro e 3 e 17 de marzo. O curso será clausurado por Ana Berástegui Pedro-Viejo, psicóloga, investigadora e profesora universitaria de recoñecido prestixio nacional e internacional, segundo apunta a organización.

Pódese solicitar a inscrición nestas xornadas contactando coa Fundación Balms, a través do teléfono 986 443 143 ou do correo electrónico fundacion.infancia@balms.com, ou ben chamando ao número de información do Concello, o 010.

De acordo cos datos do Plan Galego de Estatística 2006, no que atinxe á adopción nacional o ano pasado había en Galicia 1.201 solicitudes de adopción consideradas idóneas e en lista de espera, 147 solicitudes abertas e 205 arquivadas. Por outro lado, as xestións relacionadas coa adopción internacional daban como resultado os seguintes datos: 658 solicitudes presentadas nas delegacións provinciais da Secretaría Xeral do Benestar; 560 expedientes tramitados por esta mesma institución; 291 preasignacións de menores comunicados á Secretaría, e 551 certificados de idoneidade emitidos durante 2005.

Os países de procedencia dos nenos adoptados no estranxeiro son, por esta orde, China, Etiopía e Colombia. Na maioría dos casos, unha adopción internacional lévase a cabo nun período de dous anos ou algo máis. As adopcións nacionais, en cambio, supoñen xeralmente de seis a oito anos de trámites.
Descargar todas as imaxes