Escoitar

A Lei de Creación da Área Metropolitana de Vigo debaterase no Parlamento nesta lexislatura

venres, 15 feb 2002
O presidente da Mancomunidade de Concellos de Vigo, Lois Castrillo, afirmou que conta co apoio do Goberno galego para que nesta lexislatura se aprobe a Lei de Creación da Área Metropolitana de Vigo. O presidente da Xunta, Manuel Fraga, manifestoulle ao alcalde vigués a súa vontade de trasladar ao Parlamento Galego o antes posible o proxecto de lei que se está a elaborar.

Nestes momentos existe un borrador de proxecto de lei que conta co apoio tanto do Goberno galego como dos alcaldes dos concellos que integrarían a Área Metropolitana, os da Mancomunidade máis Cangas e Moaña. Ese borrador será perfeccionado a través de reunións que os alcaldes manterán en datas próximas co conselleiro de Xustiza e Interior e con outros departamentos da Administración autonómica implicados no proceso como a Consellería de Economía ou a de Política Territorial. Tamén está previsto que os alcaldes da Mancomunidade lle presenten o proxecto aos grupos políticos do Parlamento Galego.

Lois Castrillo asegurou que existe un amplo consenso social na bisbarra de Vigo sobre a necesidade de constituír un organismo supramunicipal que organice a prestación de servicios como o transporte colectivo, a promoción turística, o abastecemento de auga ou a planificación de infraestructuras.