Escoitar

A Unidade Asistencial de Drogodependentes mellorou as súas instalacións durante o pasado ano

xoves, 14 feb 2002
A concelleira de Benestar Social, Belén Sío, presentou a memoria da Unidade Asistencial de Drogodependentes correspondente ó ano pasado.

”Durante o 2001, no que se refire exclusivamente á Unidade Asistencial, débese destacar, en primeiro lugar, a serie de melloras levadas a cabo nas instalacións para mellorar considerablemente a infraestructura”, explicou Sío. Concretamente, procedeuse á reforma do laboratorio, ampliando as zonas dedicadas ós procesos de dispensación farmacolóxica e análises de mostras.

Tamén a reforma para a administración permite agora situar o persoal nunha mesma oficina, dispoñendo de área de administración e área de recepción, mellorando tanto as condicións laborais como de atención ó usuario. Fixéronse outras obras de illamento térmico da primeira planta, pintado total, sinalización e aumento de instalacións sanitarias, entre outros.

Todo isto supuxo un gasto ó redor de oito millóns de pesetas co exclusivo fin de mellorar as condicións laborais do persoal e de atención ó usuario que, en definitiva, é o obxectivo dun centro sanitario.

Concretándose nos resultados xerais da Unidade, débese destacar a consolidación do alto nivel alcanzado e o incremento do 16,7% no total de intervencións realizadas sobre o ano 2000, concretamente 52.286 fronte ás 44.804 do 2000.

En canto ó numero de pacientes atendidos durante o 2001 elévase a 1.557, o que supón un incremento do 1,6% sobre o 2000 (1.531). En 1995 o número de pacientes foi de 635.

Os obxectivos básicos plantexados para o ano 2001 en materia asistencial alcanzáronse, sendo os puntos máis significativos que deben resaltarse, os seguintes:

-Mantívose o nivel de productividade alcanzado no 2000
-Incrementouse a actividade asistencial global
-Mellorouse a calidade dos programas existentes
-Mellorouse a capacidade do Servicio para afrontar a potenciación da actividade terapéutico-ocupacional, dirixida a favorecer o proceso de deshabituación, mediante a diversificación da oferta asistencial de carácter psico-social.
-Potenciouse a oferta asistencial destinada á incorporación social.
-Mellorouse a coordinación con outros recursos socio-sanitarios específicos e inespecíficos da comunidade.

Sen embargo, non se cumpriron totalmente os compromisos de manter as intervencións con grupos de pais, por exemplo, o que é motivo de análises, preocupación e estudio por parte dos profesionais para adoptar as medidas precisas para o 2002.

Mantivéronse os programas asistenciais básicos como o Programa de orientación, información e acollida (POA), o Programa libre de drogas (PLD), o Programa de mantemento con Naltrexona (PMN), o Programa de mantemento con derivados opiáceos (metadona) (PMDO) (PMM), o Programa de unidade de día (UD), o Programa de comunidade terapéutica (CT) (non dispoñible como recurso propio), o Subprograma de desintoxicación (SD), o Subprograma de asistencia domiciliaria (SAD), o Subprograma de prevención de recaídas (SPR), o Subprograma de diminución do dano (SDD) e o Subprograma de urinoanálisis (SU).

O número de acollidas durante o 2001 foi de 364, que supera lixeiramente as realizadas no 2000 (319) e 1999 (353), pero representan un descenso importante cos datos de 1997 (585) e 1998 (550). Os casos novos no 2001 foron 236 e os de reinicios de 128 (sumando 364), que debemos comparar cos 200 e 119 respectivamente do 2000 e 249 – 104 de 1999.

Estamos pois nunhas cifras que indican unha certa normalización se comparamos co 97 onde se chegou a 403 casos novos e 182 reinicios.



Unidade de Día

Os programas específicos da Unidade de Día perseguen os obxectivos de favorecer a reflexión e toma de conciencia sobre o fenómeno das drogodependencias e a actitude persoal fronte ó mesmo. Pretenden tamén favorecer a aceptación das limitacións derivadas da condición de drogodependente, favorecer o mantemento da conducta de abstinencia, modificar actitudes limitables da capacidade de integración social e proporcionar a formación básica que permita mellorar e manter un adecuado nivel de saúde física, psicolóxica e social.

Búscase tamén promover o desenvolvemento de recursos psicolóxicos necesarios para afrontar as dificultades do proceso de rehabilitación, favorecer e mellorar os procesos relacionados e de comunicación a nivel interpersoal e grupal, promover comportamentos de solidariedade, favorecer a comprensión e participación familiar no proceso de rehabilitación e formar o usuario para o acceso e a utilización dos recursos normalizados, tanto nas áreas de ocio e tempo libre, como nas áreas educativa, sanitaria e laboral.

Na actuación da Unidade de Día están fixados os niveis de intervencións: individual, familiar, grupal e comunitario en áreas como a fisico-sanitaria, psicoterapéutica e a socioeducativa.

Ofertáronse durante o ano 2001 oito actividades permanentes e outras oito programadas e o volume asistencial foi de 84 usuarios distintos cunha permanencia media de 80 días.

Destacar dos resultados xerais que 11 usuarios cunha estancia media de 138 días realizaron actividade no Centro de Día en cumprimento alternativo de condea xudicial: 3 en situación de condea, 6 en terceiro grao penal e 2 en liberdade condicional.

Tamén merece especial mención a actividade física e de deportes, na que 47 usuarios cunha estancia media de 91 días realizaron programas deste tipo.

Participouse en competicións deportivas de fútbol sala, cun equipo composto por 7 usuarios e 6 xogadores non pacientes. Fútbol sete, con 5 e 6 respectivamente e no Trofeo de Verán do Concello con 7 usuarios e 7 non pacientes.

No programa de promoción laboral 8 usuarios realizaron un curso de busca de emprego e 60 participaron nun programa de orientación laboral.

Pódese destacar que, a pesar destes resultados que aseguran que o camiño emprendido é o adecuado, cómpre seguir traballando e mellorando, sobre todo na concienciación da sociedade, pais e grupos, xa que sen esta axuda é moi difícil avanzar, ademais da necesaria integración socio-laboral dos usuarios.