Escoitar

Santiago Domínguez anunciou a próxima contratación do xerente de ”Vigo en Deporte”

xoves, 14 feb 2002
imx1089.jpg
Almorzo cos xornalistas
O concelleiro de Deportes explicou que a fundación “Vigo en Deporte”, declarada de Interese Galego, xa dispón de número de rexistro e a vindeira semana procederase á contratación do xerente. Santiago Domínguez fixo estas declaracións durante un almorzo cos xornalistas.

Domínguez explicou as vantaxes que terán as empresas que invistan na fundación ”Vigo en Deporte” entre as que destacou as desgravacións fiscais. O número de rexistro permitirá que, a partir de agora, se empecen a efectuar as transaccións económicas para a súa entrada en funcionamento.

A fundación ”Vigo en Deporte” goza do protectorado da Consellería de Presidencia, Relacións Institucionis e Administración Pública trala declaración de Fundación de Interese Galego. Este órgano nace co obxectivo de captar recursos para promocionar o deporte vigués a través de axudas ás entidades deportivas da cidade e do financiamento dos grandes eventos deportivos que se desenvolven en Vigo.

A fundación inscribiuse no Rexistro Único de Fundacións de Interese Galego por petición do alcalde Lois Castrillo. A acta de creación de ”Vigo en Deporte” foi asinada o pasado 19 de novembro de 2001 polo alcalde, o director xeral de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, o director de PSA Peugeot Citroën, Javier Riera, e o presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa.

Entre as actividades da fundación ”Vigo en Deporte” estarán a de asesorar e axudar economicamente ás entidades deportivas de competición de Vigo, a de outorgar bolsas a deportistas destacados da cidade, ou a de realizar investigacións, estudios e proxectos sobre o deporte de alto nivel.

Santiago Domínguez explicou tamén que o local da Fundación xa está rematado e acollerá, antes do verán, unha biblioteca municipal especializada en deportes.

Descargar todas as imaxes