Escoitar

O concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego presenta en ”Galiemprego” o plan municipal

xoves, 15 mar 2001
O concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Delfín Fernández Álvarez, presentará mañá venres, 16 de marzo, ás 12,00 horas, no marco da III Feira da Formación e o Emprego “Galiemprego 2001” que se está a desenvolver en Santiago de Compostela organizada pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, o Plan Municipal de Emprego 2000-2003 do Concello de Vigo.

A Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego ten unha importante presencia nesta edición de “Galiemprego” con dous stands, ó ser unha das entidades que forman parte da rede de políticas activas de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén durante mañá venres, os alumnos da Escola Obradoiro “Mar de Vigo” mostrarán ós visitantes os seus coñecementos naútico-pesqueiros con actividades lúdicas.

No Plan Municipal de Emprego, que a través de diferentes programas e actuacións pretende mellora-las condicións de emprego e facilita-la integración dos desempregados, destaca o Programa Municipal de Integración Laboral (PROMIL) como pioneiro en Galicia. O PROMIL, xa en marcha, supón a contratación por cada ano de 100-120 desempregados de longa duración para realizar obras de mellora no entorno urbano e rural do municipio de Vigo.