Escoitar

Arrinca o Entroido 2002

xoves, 7 feb 2002
imx1067.jpg
Disfraz
Un desfile de comparsas escolares, no que participarán nenos de 11 colexios da cidade, servirá para dar o pistoletazo de saída ás festas do Entroido que, un ano máis, organiza a Concellería de Festas e Animación Sociocultural en colaboración coa Federación de Peñas Recreativas El Olivo, a Federación ”Eduardo Chao” e a Agrupación de Centros Deportivos e Culturais.

O desfile terá lugar ás 12 da mañá, na rúa Venezuela, e cada un dos centros participantes recibirá un premio de 150 euros.

Pero se o Entroido para os cativos vai comezar ó mediodía, a Festa con maiúscula terá que esperar ata as 21:30 horas, cando se lance ó ceo o foguete que dará a benvida á programación deste ano 2002.

Na Porta do Sol, a esa hora, comezará o espectáculo de entronización do Meco, acto presidido polo Rei Momo, que estará acompañado polo pregoeiro escolleito para esta ocasión, e que será o xornalista Fernando Franco.

Abrirase así, oficialmente, o programa do Entroido 2002, que vai cambiar a imaxe da cidade durante seis días. Será ata o mércores, 13 de febreiro, cando o desfile de comparsas acompañando o cadaleito do Meco, seguido do tradicional responso, sepelio e lectura do testamento porán fin a unhas festas que ano tras ano cobran maior protagonismo en Vigo, gracias á participación de miles e miles de cidadáns.


Recomendacións

Ante os feitos acaecidos nos últimos anos e as denuncias recibidas en relación con determinadas conductas durante a celebración do Entroido, prohíbese a utilización de aerosoles, recipientes que conteñan algún tipo de substancia ou calquera outro artigo de broma, que non cumpran as normas de seguridade establecidas para xoguetes, útiles de uso infantil e artigos de broma. En ningún caso poderán dirixirse contra as persoas que circulen pola vía pública ou contra os vehículos ou establecementos comerciais, e, especialmente, aqueles que pola súa especial composición poidan derivar prexuízos contra a saúde pública.

Así mesmo está prohibida a venda dos devanditos artigos tanto na vía pública como en establecementos comerciais.

Non se permite a fabricación, circulación e venda de calquera obxecto para uso infantil que presente externamente substancias explosivas ou detonantes, susceptibles do contacto directo. Para a circulación e venda de productos pirotécnicos infantís é necesario que neles figure a marca, o nome do fabricante, a letra e número que teña asignado polo Ministerio de Industria.

Descargar todas as imaxes