Escoitar

O Concello abordará o "botellón" con actuacións preventivas na rúa e centros de ensino

A concelleira de Benestar Social, Marta Iglesias asinou un convenio de colaboración coa Asociación Alborada no eido da prevención das drogodependencias ,mediante o posta en marcha do programa Vagalume co que se pretende despregar actuacións preventivas con xoves na rúa e nos centros de ensino, especialmente no relacionado co fenómeno urbano coñecido como botellón .

mércores, 19 abr 2006
1145449041alborada.jpeg
Cancelo, Iglesias e Ilarri
Segundo a concelleira " a ninguén se lle oculta que o denominado botellón representa un reto difícil de afrontar pola administración pública e que require, por estar implicados en el miles de xoves, un especial tacto e delicadeza, máis alá de reduccionismos fáciles que a nada conducen á hora de presentar solucións efectivas. É evidente que ó redor do botellón preséntase unha problemática de saúde pública que é necesario afrontar con solucións preventivas e de achegamento, máis alá das meramente represivas. Pero tamén é evidente que nos atopamos diante dun feito que funde as súas raiceiras nas necesidades de relación da poboación xuvenil, que por circunstancias sociais e culturais que non é o momento de discutir, veñen asociando ocio e comunicación interpersoal coa noite."

Esta problemática de saúde é, por unha banda, a derivada da perturbación do silenzo nocturno e, por outra, a derivada do consumo de alcohol e -en menor proporción- doutras drogas, por parte de miles de xoves que asisten, cada fin de semana, ás concentracións nocturnas en determinados espacios urbanos.

O botellón produce ademáis un problema cívico importante ao provocar, asociado a él, conductas incívicas co espallado de lixo nas rúas e prazas e –aínda que illados e non necesariamente vinculados a él- algúns actos de vandalismo sobre o mobiliario urbano.

O programa Vagalume parte da crenza de que este fenómeno tense consolidado como parte dos hábitos xuvenís de socialización e que de nada serve a súa estigmatización, senón que cómpre afrontalo, sobre todo, coa promoción da saúde e coa información e a concienciación dos xoves sobre a orixe e as consecuencias do seus hábitos de consumo.

Durante os anos de vixencia do programa este obxectivo didáctico e informativo tense conseguido coa presenza permanente nas zonas de botellón da Unidade Móbil de Alborada. Nela, dous especialistas e monitores están a disposición dos xoves para respostas ás súas inquedanzas e subministrarlles a información rigorosa que sobre as substancias habituais de consumo, circulan na noite. Por outra banda, a asociación Alborada, mediante este convenio, desenvolve nos centros de ensino de Vigo, un módulo didáctico para xoves estudiantes da ESO, ciclos formativos e Bacharelato, co que se informa de xeito científico sobre os tipos de drogas, efectos e riscos asociados ás mesmas.

Como novidade para este ano 2006, ponse en marcha na rúa un "módulo cívico" destinado a traballar directamente nas zonas de botellón cos xoves, para conciencialos sobre a necesidade dun comportamento cívico dirixido a evitar as molestias á veciñanza e á recollida normalizada do lixo producido.

O programa ten un custo para o ano 2006 de 64.000 euros, dos cales 31.000 apórtaos, mediante este convenio, o Concello de Vigo, correspondendo o resto do financiamento á propia Asociación Alborada con cargo ós seus propios recursos e a outras aportacións.

Por parte da Asociación Alborada asinaron o convenio Jesús Cancelo, director técnico da Unidade Asistencial Alborada e Pilar Álvarez Ilarri, xerente da Asociación.
Descargar todas as imaxes