Escoitar

O Concello proxecta un "gran centro da auga" en Navia e piscinas en Coia e Barreiro

O Concello quere converter a Vigo nun referente internacional do deporte, o ocio e a saúde relacionados coa auga, mediante a construción dun complexo acuático termal en Navia e dous centros deportivos municipais en Coia e Barreiro.

mércores, 8 mar 2006
1141827422auga080306.jpg
A alcaldesa, Corina Porro, asegurou que esta iniciativa busca "mellorar a competitividade e a calidade de vida" de Vigo volvendo "ás súas raíces", que están, dixo, nas súas augas e na súa ría. Segundo Corina Porro, as novas instalacións incrementarán a proxección da nosa cidade ata convertela nun referente do ocio, o deporte e a saúde "a nivel internacional".

Pola súa parte, a concelleira de Deportes, Lucía Molares, engadiu que Vigo necesita infraestruturas deportivas e de ocio para ser unha auténtica cidade de servizos, con instalacións que lle permitan, ao mesmo tempo, acoller eventos internacionais. Lucía Molares sinalou que o mellor emprazamento para estas son as zonas do termo municipal onde se está a rexistrar un maior crecemento demográfico. Ademais, a concelleira afirmou que "podemos dar un xiro de 180 graos" ao potencial tuístico de Vigo se a cidade complementa o efecto que se espera do seu novo Auditorio cun "gran centro da auga".

Complexo Acuático Termal

Segundo o proxecto presentado hoxe mércores, este gran centro, o Complexo Acuático Termal de Navia, permitirá potenciar a imaxe de Vigo como cidade que liga a auga co deporte, o entretemento e o ocio saudable, servindo a persoas de todas as idades nunha área de influencia de 330.000 habitantes. O Complexo, situado nunha parroquia en crecemento e ben comunicada, terá unha superficie de 36.000 m2 sobre rasante, máis outros 36.000 de aparcadoiro subterráneo, e dividirase en tres zonas.

Na primeira delas estarán as áreas acuático-deportivas (3.000 m2 que inclúen un vaso de 50x25 metros ou olímpico e outro de 50x10 con bancadas mobibles), as áreas de entretemento e saúde (12.000 m2 con instalacións para nenos, balneario, centro de talasoterapia, circuíto termal e zona de saúde e estética) e a área de ocio saudable, consistente nun ximnasio de 3.000 m2.

A segunda zona, de 18.000 m2 terá carácter complementario e albergará establecementos comerciais básicamente enfocados ás actividades que se desenvolverán na primeira zona, así como outros servizos, entre os que figuran o de gardería infantil.

Finalmente, a terceira zona, situada baixo rasante, será un aparcadoiro de 36.000 m2 con 1.000 prazas.

O investimento previsto para o Complexo Acuático Termal achégase aos 57 millóns de euros, dos cales 30 corresponden á primeira zona, 15, á segunda, e 12,5, á terceira. Segundo explicou Lucía Molares, o Goberno municipal considera boa a opción de recorrer á iniciativa privada para a realización deste proxecto, facendo que o novo servizo sexa de xestión municipal indirecta. Segundo a concelleira, o Goberno municipal baralla a posibilidade dunha concesión de 40 anos. En todo caso, segundo as previsións feitas públicas hoxe mércores, o Complexo producirá beneficios no seu quinto ano de funcionamento, ademais de dar traballo directo a 370 persoas e indirecto a 450.

Centros de Coia e Barreiro

Outros dous proxectos para converter a Vigo na cidade da auga son os Centros Deportivos Municipais de Coia (xunto á avenida de Castelao) e de Barreiro (xunto á avenida de Ramón Nieto). De acordo coa concelleira de Deportes, os dous novos centros suporán un investimento de máis de 2 millóns de euros. Como no caso do Complexo de Navia, o Goberno municipal espera que esta cantidade sexa financiada a través da iniciativa privada.

Ambos os centros contarán con instalacións similares. Así, haberá dous vasos, o primeiro dos cales medirá 25x16,67 metros e porá á disposición dos deportistas oito rúas. O segundo, de menores dimensións, destinarase á poboación con características especiais, así como a actividades innovadoras. Os vestiarios, de 450 m2, terán instalacións específicas para grupos e centros de ensino, así como para minusválidos. Así mesmo, cada centro contrá cun ximnasio e salas onde se levarán a cabo actividades para persoas de mobilidade reducida.

A proposta do Goberno local contempla que os prezos dos abonos para estas futuras instalacións vaia dos 31 euros do abono individual aos 6 do abono para fillos de usuarios.

Segundo Lucía Molares, o proceso de licitación dos Centros Deportivos Municipais de Coia e Barreiro pode estár finalizado nun ano e o do Complexo Acuático Termal, en dous, co cal "en dous ou tres anos" estes proxectos poderán ser unha realidade. Molares lembrou que en todo caso o Goberno municipal buscará o consenso cos grupos políticos da oposición para que iso suceda.
Descargar todas as imaxes