Escoitar

Os consorcios do Casco Vello de Vigo e da Cidade de Santiago intercambiarán experiencias

O xerente do Consorcio do Casco Vello de Vigo, Alfonso Ramos, e o xerente do Consorcio Cidade de Santiago, José Manuel Villanueva Prieto, asinaron hoxe luns un protocolo de colaboración entre ambas as institucións en materia de rehabilitación.

luns, 12 dec 2005
1134395299cascovello121205.jpg
O obxectivo deste protocolo é o desenvolvemento de relacións de cooperación entre os dous consorcios, para o cal se facilitará o intercambio de experiencias relacionadas cos proxectos que ambas as institucións están a levar a cabo nos seus respectivos ámbitos de actuación.

De momento, esta cooperación materializarase na elaboración dun plan de actuación que defina as actividades do Consorcio do Casco Vello de Vigo para os próximos anos. Segundo afirmou Alfonso Ramos, este documento deberá estar listo en xaneiro ou febreiro de 2006.

As actuacións concretas a que dará lugar o desenvolvemento do protocolo serán determinadas por unha comisión conxunta, integrada por dous representantes de cada institución designados polos respectivos presidentes.

Alfonso Ramos adiantou que a actividade do Consorcio do Casco Vello nos próximos anos se centrará na rehabilitación. Para isto, o traballo principal do Consorcio en 2006 consistirá na adquisición de inmobles na zona. Neste sentido, Ramos explicou que o Consorcio vigués non procederá a expropiar inmobles "cando o propietario cumpra coa función social da propiedade", circunstancia que, segundo asegurou, se incumpre en moitos casos. Así, o xerente do Consorcio do Casco Vello referiuse ao incumprimeto de usos residenciais motivado polo mal estado de moitos inmobles, e lembrou que unha cuarta parte das máis de 2.100 vivendas desta área están "en moi mal estado".

Para Alfonso Ramos, a colaboración do Consorcio Cidade de Santiago é "de vital importancia", xa que o traballo que vén desenvolvendo esta institución desde a súa fundación, en 1992, pode servir de precedente para Vigo, "á vista do seu recoñecemento" dentro e fóra de España.

Pola súa parte, José Manuel Villanueva afirmou que aínda que as circunstancias das dúas cidades "non son equiparables", a experiencia de Vigo "pode ser útil para Santiago". Villanueva dixo esperar que o proceso de rehabilitación do Casco Vello vigués sexa exitoso e fixo, neste sentido, as seguintes recomendacións: que exista un amplo consenso político sobre as actuacións que se levarán a cabo a medio prazo, que o traballo de rehabilitación vaia ligado a un sólido discurso cultural arredor do patrimonio e que os resultados sexan apreciables e apreciados polos cidadáns.

O Consorcio do Casco Vello de Vigo é unha entidade local na que participan o Concello, Zona Franca e a Xunta de Galicia, a través da Consellaría de Vivenda. A súa constitución produciuse en abril deste ano.
Descargar todas as imaxes