Escoitar

O Pleno vólvese sumar á demanda do restablecemento de voos en Peinador

O Pleno da Corporación Municipal ratificou por unanimidade hoxe luns a declaración do Consello Social da Cidade relativa á supresión de voos de Iberia no aeroporto de Peinador.

luns, 28 nov 2005
1133186810pleno2811.jpg
O Pleno ratificou a declaración do Concello Social da Cidade do pasado 18 de novembro realtiva á supresión de voos de Iberia en Peinador. A Corporación vólvese sumar así á demanda do restablecemento dos servizos suprimidos e requírelle ao Ministerio de Fomento e a AENA que tomen en consideración as cifras de movementos de pasaxeiros de Peinador, así como a permanente progresión e crecemento do aeroporto de Vigo.

Mocións

Por outra parte, o Pleno aprobou hoxe luns varias mocións dos grupos da oposición. Así, a proposta do PSdeG-PSOE, o Pleno instou o Goberno municipal a que tome todas as medidas posibles para favorecer a oferta de productos de comercio xusto nos centros que dependen do Concello, incorporando, ademais, mecanismos que potencien esta oferta cando se fagan novas concesións destes centros.

Outras mocións do PSdeG-PSOE aprobadas neste Pleno son a que require ao Goberno municipal que elabore un regulamento de subvencións adaptado á Lei Xeral de Subvencións, creando, así mesmo, un Rexistro Público Municipal de Subvencións e Axudas; e a que insta a Policía Local a colaborar no control das medidas xudiciais para a protección de víctimas de violencia doméstica ou de xénero.

Pola súa parte, o BNG propuxo que a estrutura de propiedade municipal existente na rúa Romil, no terreno anexo ao colexio "Doutor Fleming", se transforme nun centro de usos sociais para o barrio. Esta moción aprobouse por unanimidade coa matización de que este centro estará aberto, en principio, a todos os colectivos, estudándose despois cales destes se priorizan.

Tamén a proposta do BNG, o Pleno instou o Goberno Local para que convoque canto antes un concurso de méritos para que a Xefatura do Servizo de Normalización Lingüística pase a ser cuberta interinamente mentres a súa titular pemaneza en situación de Servizos Especiais.

Outras mocións do BNG aprobadas hoxe luns son a que insta o Goberno Local a realizar as xestións necesarias para que se finalice no máis breve espazo de tempo posible o censo de microtoponimia, e a que demanda que o Conello procure transporte gratuíto, en coordinación coas peñas celtistas, para os vigueses e viguesas que se despracen a Santiago para asistiren ao partido da selección galega de fútbol que se desputará o 29 de decembro.

Así mesmo, o Pleno da Corporación aprobou unha moción do PG na que se propón que unha comisión de portavoces dos grupos políticos municipais se reúna de xeito inmediato con representantes do Real Club Celta para retomar a remodelación do Estadio de Balaídos.

Tamén contaron co visto bo do Pleno outras moción do PG, como a que lle esixe ao Parlamento de Galicia que reclame unha resposta inmediata do ministro de Xustiza para a implantación na nosa cidade dun Xulgado do Mercantil de ámbito provincial, ou a que propón que Augas de Galicia, coa colaboración dos técnicos do Concello, encargue e execute un proxecto para rematar coas inundacións en Vigo.

O PG, por último, presentou unha moción relativa á Volvo Ocean Race. Nesta proposta establécese o agradecemento e a admiración da Corporación polo comportamento exemplar do pobo de Vigo e das persoas que nos visitaron durante este evento. Así mesmo, pídeselle á Xunta de Galicia a transferencia do reloxo que marcou a conta atrás da regata para conservalo como monumento. Ademais, a moción insta á inclusión dunha sección especial sobre a Volvo Ocean Race na páxina web do Concello.

O Pleno aprobou todas estas mocións por unanimidade.
Descargar todas as imaxes