Escoitar

O Festival de música Are More unha "referencia dentro do panorama musical"

O concelleiro de Cultura, Ignacio López-Chaves, presentou hoxe xoves o Festival de Música de Vigo Are-More 2005, que se desenvolverá do 22 de outubro ata o 7 de decembro e que segundo o concelleiro converterse nunha "referencia dentro do panorama musical, non só de Galicia, senón tamén de España".

xoves, 6 out 2005
1128604298aremore.jpg
O programa do Are-More 2005 ten varios ciclos: "As imaxes do amor", "Encontros crepusculares", "A formación de públicos no Are-More", "A guitarra en concerto" "Pódium novos intérpretes galegos" e "Música para o silencio". Ignacio López-Chaves resaltou a importancia do ciclo "A formación de públicos no Are-More", de cara ao achegamento á música clásica de nenos e familias e á creación dun público para futuras edicións do Festival.

Como novidade para esta edición organizáronse actividades complementarias como o programa "Músicas para o silencio", un ciclo de cine non sonoro con música en directo, coa colaboración do Cine Clube Lumiere e o propio conservatorio coas agrupacións que interpretarán a música en directo. Tratase de películas de películas como "Luces de la ciudad", "El holgazán", "El maquinista de la general" e "Nosferatu". Por outro lado, en colaboración tamén co conservatorio, haberá unha clase maxistral a cargo do pianista Víctor Rodríguez, aproveitando o seu concerto do día 3 de decembro.

A clausura do Festival correrá a cargo de Anne Sofie von Otter, "unha das mellores sopranos do mundo", segundo Ignacio López-Chaves. Von Otter fará un repaso ás obras de amor e desamor do barroco inglés e italiano. Este concerto, como o de inauguración, no que a Wienner Akademie interpretará a Haendel, poderán gozarse no Teatro-Cine Fraga ao prezo de 20 euros a entrada.

As entradas para todos os espectáculos que terán lugar no Teatro Fraga-Caixagalicia poranse á venda o luns día 10, a través do sistema de venda de Caixagalicia . O prezo das entradas será de 10.-€, agás na inauguración e clausura que serán 20.-€, moi por debaixo no habitual neste tipo de festivais; ademais haberá unha serie de bonificacións do 30% para menores de 25 anos, maiores de 65, persoas desempregadas, persoas discapacitadas, familias numerosas..., así como abonos de 3 e 5 concertos con descontos do 20 ao 30%. Os concertos programados no auditorio do Conservatorio Superior de Música e na Parroquia "María Auxiliadora" serán gratuítos ate completar o seu aforamento.

O orzamento do Are-More 2005 é de 550.000 euros, cantidade á que contribúen coa súa axuda a Fundación Caixa Galicia, a Xunta de Galicia e empresas colaboradoras como El Corte Inglés, Citroen, Necso e Aqualia. O director artístico do Festival, Roberto Relova, agradeceu o interese das entidades colaboradoras e do departamento de Cultura do Concello na "proxección e apoio á cultura". En opinión de Roberto Relova, o Are-More tense convertido nunha cita destacada da música clásica ao contar coa presenza "das mellores voces de finais do século XX e principios do XXI".

Para máis información sobre o Festival pódese visitar a páxina web www.festivalaremore.com e www.vigo.org
Descargar todas as imaxes

Máis información