Escoitar

Iván Pozo pon en xogo o seu título o próximo venres en Bouzas

O púxil vigués Iván Pozo, campión de Europa de peso mosca, porá en xogo o seu título ante Lahcene Zemmouri, nun combate que se disputará o próximo venres 16 de setembro no Pavillón de Bouzas.

martes, 13 set 2005
1126611834ivan2.jpg
Iván Pozo
Iván Pozo, o "pequeno guerreiro", naceu en Vigo hai 26 anos e conquistou o Campionato de Europa de peso mosca o pasado 8 de xullo no Pavillón das Travesas, nun combate no que se enfrontou ao italiano Andrea Sarritzu.

O seu rival do próximo venres será o español de orixe alxeriana Lahcene Zemmouri, de 35 anos, que pelexa co alias de "El potro de la torre". Pozo xa se enfrontou a el nunha ocasión e lembra que "aquel combate terminou nulo aínda que o tirei catro veces. Foi inxusto porque foi na casa del". O boxeador vigués considera que "será un combate complicado. É un veterano, un home duro, pero será unha pelexa de poder a poder".

Iván Pozo podería subir un chanzo máis na súa carreira se na próxima reunión do Consello Mundial de Boxeo, que terá lugar en La Línea de la Concepción (Cádiz), é elixido aspirante ao título de campión do mundo da súa categoría. En tal caso, sería o primeiro galego en conseguir tal honra.

A concelleira de Deportes, Lucía Molares, louvou a Iván Pozo por poñer en xogo o seu título tan só dous meses despois de facerse con el. "É un valente", dixo. "Espero que a calor que lle deu o público en xullo se repita o día 16 en Bouzas". Pola súa parte, o boxeador afirmou que "esta pelexa é algo moi persoal para min", polo que espera estar á altura dos afeccionados da súa cidade para ofrecerlles a victoria.

Ademais da disputa deste título europeo, na velada do venres, que comezará ás 22:30, terán lugar dous combates amateurs e tres profesionais, nos que participarán boxeadores vigueses e estranxeiros.
Descargar todas as imaxes