Escoitar

Samil acollerá o IX Open de Bowling "Cidade de Vigo" do 22 ao 28 de agosto

O club Bowling Vigo, situado na avenida de Samil, 43 baixo, acollerá do 22 ao 28 de agosto a IX edición do Open de Bowling "Cidade de Vigo", no que participarán 200 xogadores de varios países.

xoves, 18 ago 2005
1124365390bowling.JPG
O Open de Bowling "Cidade de Vigo" conta co patrocinio da Concellería de Deportes, así como de Coca-Cola, Faro de Vigo, El Corte Inglés e Caixanova. Tamén colabora neste evento o Club Bowling Celta. Este torneo está aberto a todos os xogadores españois e estranxeiros con licenza federativa en vigor.

A concelleira de Deportes, Lucía Molares, dixo hoxe xoves durante a presentación do Open, que tivo lugar en El Corte Inglés, que este é "un evento consolidado e cunha gran difusión". Segundo Lucía Molares, o Open de Vigo é "o máis importante en España despois do de Barcelona". A concelleira desexou que con eventos deste tipo "sigamos potenciando o turismo nesta cidade".

Ao longo das oito edicións disputadas ata o de agora, o Open de Bowling "Cidade de Vigo" ten reunido varios subcampións do mundo desta disciplina, así como os campións de países como Alemaña, Bélxica, Suecia e España.

No "Cidade de Vigo" xogarase simultaneamente na modalidade de scratch e de handicap. Cada participante xogará dúas series de tres partidas, con cambio de serie despois de cada serie. Poderase reenganchar cantas veces se queira e se poida. Todas as partidas xogadas neste torneo serán válidas para o máster e para a Selección Española.

As finais resérvanse aos 5 mellores de cada categoría: scratch, handicap, seniors e sub-18. En cada categoría disputarase unha defensa dos postos.

O prezo da inscrición será de 90 euros por serie clasificatoria e de 70 euros para o primeiro reenganche, 60 euros para o segundo e 50 euros para os seguintes. A inscrición na serie "Desesperado" custará 50 euros e os sub-18 paragarán 20 euros se só queren optar aos premios de material deportivo, o que farán constar no momento da inscrición. As incricións poderán facerse chamando ao 986 240 575 ou enviando un fax ao 986 242 646. O pagamento porderase efectuar nas mesmas instalacións do torneo antes de comezar o xogo.

Calquera problema no desenvolvemento deste será resolto polos xogadores e colaboradores do Club Bowling Celta e da propia instalación, os cales estarán facultados para sancionaren calquera comportamento antideportivo.

Para máis información pódese visitar a páxina web de Bowling Vigo, www.bowlingvigo.com.
Descargar todas as imaxes