Escoitar
Bando

Día da Reconquista 2005

O pregón da festa da Reconquista, redactado polo xornalista Ánxel Vence Lois, será lido no acto de homenaxe aos heroes da Reconquista que terá lugar o día 28 ás 12 horas na Praza da Independencia e na entrega dos galardóns de Vigueses Distinguidos, o martes 29 de marzo no Centro Cultural de Caixanova.

luns, 28 mar 2005
1111667935reconquista.jpg


Vai xa case para douscentos anos que as bravas xentes desta cidade se ergueron en armas coa firme e finalmente triunfal resolución de lle facer fronte ao exército máis poderoso de aquel tempo. A xesta bélica, pero sobre todo cidadá, é o motivo que hoxe nos congrega para celebrarmos festivamente e sen rancores o día en que Vigo se reconquistou a si mesma.
Dous séculos despois, o poderoso músculo cidadán desta metrópole segue en disposición de combate, i esa ha ser se cadra a mellor noticia do día. Os vigueses volvérono demostrar hai apenas un par de anos, cando a súa gloriosa Armada pesqueira derrotou en limpa batalla aos negros exércitos do chapapote que teimaban en asaltar as nosas rías. Pobo nacido do mar a fin de contas, o vigués non para de demostrar que non hai quen poida coa xente mariñeira: quer que sexa fronte ás tropas napoleónicas, quer contra as insidiosas mareas negras.
Non é de estrañar esta reiteración da épica cidadá no tempo. Vigo forxouse e séguese a construír en mil batallas contra toda clase de elementos non necesariamente naturais. É unha cidade que se reconquista a si mesma cada día nunha loita por veces extenuante na que adoita estar soa con máis frecuencia da que seica habería ser razoable.
Nada de eso importa. Ten Vigo un corazón metalúrxico e xeneroso que bombea riqueza dabondo para si e o resto de Galicia. Cidade tumultuosa de estaleiros e sereas, emporio fabril de bielas e motores, Vigo transcende cada día o seu aparente caos urbano para seguir medrando sen apenas axuda exterior ningunha.
O mesmo Vigo que acolleu agarimosamente a case todo o refluxo da inmensa marea da emigración é o que agora se expande -rachando unhas costuras municipais que lle van quedando estreitas- por todo un vasto territorio de municipios que prolongan a metrópole ata convertela en rexión urbana.
De aí que o que hoxe conmemoramos non veña sendo xa a vella victoria das armas populares, senón a do espírito da Ilustración que, dous séculos despois daquela primeira Reconquista, ten convertido a Vigo na primeira grande área metropolitana de Galicia.
Ese espírito de liberdade, progreso e afirmación da autonomía das persoas que é a marca de identidade de Vigo viña, por puro paradoxo, nas mochilas dos soldados aos que os cidadáns insurrectos derrotaron naquela amencida do século XIX. Douscentos anos despois, os remuíños da Historia fixeron que os inimigos de outrora estean agora de volta en feliz son de paz, contribuíndo a engraxa-lo motor que lle da pulo á economía da cidade.
Esquecidos xa aqueles vellos preitos, outras son as batallas –por fortuna, incruentas- que hoxe convocan aos vigueses. Batallas nas que, ao igual que sucedera en tempos da guerra peninsular, volve estar en xogo o futuro aínda imperfecto de Vigo.
A de agora é unha contenda que se libra contra adversarios non doados de identificar i en moitas e moi diversas frontes de combate.
As batallas nas que Vigo loita polo seu inmediato porvir son as dos trens de alta velocidade, as dos auditorios, as das comunicacións interiores imprescindibles para vertebra-la súa grande área metropolitana i, en xeral, as dos equipamentos que lle cumpren á cidade para o seu despegue definitivo.
Afeitos a resolver os problemas por si mesmos, os vigueses afrontan nesta hora decisiva o reto de gaña-la batalla do investimento público, tantas veces adiada.
Non esixen nada ao que non teñan dereito. Abondaría co pago de unha pequena parte da inxente débeda histórica que as administracións veñen acumulando desde hai décadas para que o soño dun Vigo máis habitable, humano, organizado e definitivamente próspero se fixera feliz realidade.
Gañarlle o combate ao caos para que de el xurda o cosmos dunha urbe con capacidade para liderar a eurorrexión galaico-portuguesa na que se insire é a moderna tarefa de Reconquista que debe comprometer a tódolos vigueses.
O Vigo que leva xa un par de séculos reconquistándose a si mesmo sen máis axuda que a das súas propias forzas conta, por fortuna, con recursos suficientes para vencer nesta crucial batalla.
Velaí a razón de que a efemérides que hoxe conmemoramos siga conservando todo o seu valor de referencia para esta cidade que se asoma ao século XXI con todo o futuro por diante. Ao igual que hai case douscentos anos, os vigueses han gañar tamén esta batalla.

Vigo, 28 de marzo de 2005

A ALCALDESA,
Corina Porro Martínez


Este bando foi redactado por Anxel Vence Lois, xornalista.
Descargar todas as imaxes