Escoitar

Vigo acollerá o Concurso Nacional de Piano do 26 de maio ao 1 de xuño

O Concurso Nacional de Piano "Compositores de España" celebrarase en Vigo do 26 de maio ao 1 de xuño, comprendendo as categorías de infantil, xuvenil e novo concertista.

mércores, 23 mar 2005
O Concurso Nacional de Piano "Compositores de España" celebrarase en Vigo do 26 de maio ao 1 de xuño. O Concurso, aberto tamén a pianistas portugueses, comprende tres categorías: infantil (ata os 12 anos), xuvenil (dos 13 aos 18 anos), e novo concertista (de 19 a 33 anos). A data límite para inscribirse é o 10 de maio.

Cada ano, o Concurso dedícase a un compositor español. A presente edición homenaxeará o compositor Antón García Abril, ofrecendo a posibilidade de escoitar as súas diferentes obras escritas para piano. Tamén se poderán escoitar obras escritas por compositores galegos.

Para a categoría infantil establécense un primeiro premio de 600 euros, un segundo de 300 e un terceiro de 200. Nesta categoría tamén haberá un premio á mellor interpretación da obra de Antón García Abril, de 300 euros, e un premio á mellor interpretación dun compositor galego, con outros 300 euros.

Na categoría xuvenil entregaranse un primeiro premio de 2.000 euros, un segundo de 1.000 e un terceiro de 600. Os premios ás mellores interpretacións da obra de Antón García Abril e dun compositor galego serán de 600 euros.

Dentro da categoría novo concertista haberá un primeiro premio de 6.000 euros, un segundo de 3.000 euros, e un terceiro de 1.500. Para os mellores intérpretes da obra de Antón García Abril e dun compositor galego establécense senllos premios de 800 euros.