Escoitar

Aberto o prazo para a reserva de prazas nas escolas públicas de Infantil e Primaria

O prazo de inscrición nos colexios públicos para os alumnos que o solicitan por primeira vez comeza o 16 de marzo e extenderase ata o 16 de abril. Os alumnos que xa estean matriculados e desexen reservar a súa praza para o vindeiro ano poden facelo xa mesmo e ata o próximo 10 de marzo.

mércores, 2 mar 2005
1109772052librito.jpg
Coa apertura do prazo para matricular aos rapaces que van cursar Infantil e Primaria no vindeiro curso 2005/2006, o departamento de Educación do Concello de Vigo editou unha Guía de Centros Públicos que se está a enviar por correo aos domicilios familiares. En total editaronse 10.000 exemplares dunha guía que permitará aos pais e nais que van escoller por primeira vez un centro para os seus fillos, facelo de xeito que satisfaga as súas necesidades ao coñecer as posibilidades que ofrece cada un deles. A Guía vai acompañada dun volante de empadronamento, xustificante necesario para solicitar un centro de ensinanza pública, evitando así colas innecesarias nas administracións.

O ensino público de Infantil e Primaria baséase nuns principios de democracia e participación e de equilibrio nas desigualdades, é plural e integrador, aberto á innovación pedagóxica e totalmente de balde. A cidade de Vigo conta con case 60 centros que imparten educación primaria, infantil ou ambas. A Educación Infantil abrangue as idades de tres a seis anos e a Primaria comprende tres ciclos de dous cursos académicos cada un: o primeiro ciclo de 6 a 8 anos, o segundo ciclo de 8 a 10 anos e o terceiro de 10 a 12 anos.

A Guía de Centros Públicos comenta cada un dos colexios da cidade: a súa situación, cursos que imparte, metodoloxía de traballo, disciplinas que fomenta principalmente, persoal docente, festas e servizos extraescolares. Ademáis repasa as instalacións e equipamento completo, dende os metros cadrados e as zonas axardiñadas ata a biblioteca, aula de informática, ximnasio, etc.

Ademais das 59 escolas de Educación Infantil e Primaria de Vigo, a Guía inclúe o Centro de Educación Especial Saladino Cortizo, a Escola do Hospital Xeral para nenos hospitalizados, a Escola de Artes e Oficios que imparte ensinanza para adultos e estranxeiros e os conservatorios de Música superior e Música profesional.

O período para solicitar unha reserva de praza para os alumnos xa inscritos nun centro abriuse o 1 de marzo e permanecerá aberto ata o 10 deste mesmo mes. Entre o 16 de marzo e o 16 de abril poderán presentar as solicitudes de admisión relacionando, por orde de preferencia, os centros nos que solicita praza, tódolos alumnos que o soliciten por primeira vez. A instancia deberase presentar no centro que se solicita en primeiro lugar. Antes do 10 de maio terá lugar a publicación da resolución pola que se adxudican as prazas e a relación dos solicitantes, e a formalización da matrícula será entre o 20 e o 30 de xuño para o alumnado de educación Infantil e Primaria.
Descargar todas as imaxes