Escoitar

Os inmigrantes e emigrantes retornados contan cunha oficina municipal de información

A oficina municipal de información a inmigrantes e emigrantes retornados atende desde o pasado día 14 as necesidades destes colectivos. Ademais, a Fundación Ecca Vigo ofrece cursos de formación para mellorar a cualificación das mulleres inmigrantes.

xoves, 17 feb 2005
Desde o pasado día 14 está aberta ao público a oficina municipal de información a inmigrantes e emigrantes retornados, que conta cun licenciado en dereito, unha traballadora social e unha auxiliar administrativo.

Nela atenderanse a todos aqueles inmigrantes que busquen información no proceso de regularización, así como nos casos de posibles reagrupamentos familiares. Tamén recibirán atención todo tipo de prestacións e emprego para emigrantes retornados.
A oficina poderá visitarse de 9:00 a 14:00 horas, de luns a venres, e está situada no seguinte enderezo: r/ Elduayen 36-1 soto (entrando polo locutorio de Telefónica). O seu número de teléfono é 986 442356.

Cursos para mulleres emigrantes

Por outra banda, a Fundación Radio Ecca Vigo acolle un curso de axuda a domicilio e outro de técnicas de búsca de emprego para mulleres inmigrantes. A iniciativa, na que colaboran o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e a Unión Europea, ten por obxectivo mellorar a cualificación destas mulleres mediante unha formación específica, así como achegarlles coñecementos sobre as técnicas de busca de emprego na sociedade actual.

O curso de auxiliar de axuda a domicilio, cunha duración de 60 horas, impartirase do 1 de abril ao 3 de xuño, os venres de 17:00 a 19:00 na aula 26 da Fundación Ecca de Vigo. O de técnicas de busca de emprego será de 40 horas e desenvolverase no mesmo lugar do 4 de abril ao 6 de xuño, os luns de 17:00 a 19:00. En total, a oferta formativa dos cursos suma 100 horas.

Para participar nestes cursos débense reunir os seguintes requisitos: ser muller maior de 18 anos, ter permiso de residencia e de traballo, non ter contrato laboral e falar castelán. Ademais, as aspirantes non poderán estar nalgunha destas situacións: ser cidadá da Unión Europea, estar en situación de asilo político, ser emigrantes retornadas ou ter dobre nacionalidade.