Escoitar

O Liste expón unha mostra rural de máis de cen pezas

"O humilde do necesario" é a mostra de máis de cen pezas, entre apeiros e roupas do rural, que o museo Liste expón ata o 28 de febreiro.

venres, 11 feb 2005
1108133299liste.jpg
O museo Liste expón na sala de temporais dende o pasado mércores 9 de febreiro e ata o 28 deste mesmo mes a mostra "O humilde do necesario", formada por máis de cen pezas que pretenden mostrar ao público a vida no agro galego e a súa variedade indumentaria. Catro traxes, dous de home e dous de muller, para ir a feira e para a labranza, diversas prendas de roupa dos séculos XVIII e XIX, aveños de labranza antigos e varas.

A exposición pretende recoller elementos tradicionais que teñen en común o seu uso cotiá, relacionados coa vida no ámbito rural do pasado século, centrada no traxe de faena,do que destaca a súa variedade de uso, forma, e cor; e os aveños máis comúns dos labores do campo, con especial atención a aqueles vencellados ó individuo, e que chegaron a ser imprescindibles elementos de compaña, posuíndo a súa propia linguaxe, como é o caso das varas e aguilladas.

As pezas proceden do Museo Liste de Oseira, -apeiros agrícolas-, e da Asociación Cultural Tangaraño, de Mos, - pezas de roupa-. Estará aberta ao público de balde en horario habitual do Museo: martes a sábados de 11,00 h a 14,00 h.,e de 17,00 h. a 19,00 h.
Descargar todas as imaxes