Escoitar

Vigo supera en 7 puntos o índice de doazóns recomendado pola OMS

O director do Centro de Transfusións de Galicia, Dr. Carlos Areal, facilitou estes datos con motivo da presentación da nova unidade móbil coa que conta a cidade, un acto que estivo presidido pola alcaldesa, Corina Porro e mailo conselleiro de Sanidade, José Manuel González Álvarez.

martes, 1 feb 2005
1107266321doazon.jpg
A alcaldesa de Vigo, Corina Porro, e mailo conselleiro de Sanidade, José Manuel González Álvarez, acudiron hoxe á presentación da nova unidade móbil de doazón do Centro de Transfusión de Galicia (CTG) que prestará servicio aos doadores da bisbarra de Vigo. Este nova unidade móbil está dentro do programa de melloras infraestructurais previstas pola Consellería de Sanidade e o Centro de Transfusión de Galicia para a atención dos doadores.

Corina Porro salientou que en 2003, Vigo foi a primeira cidade de Galicia en doazóns de sangue e a terceira (tras Santiago e Ferrol) en taxa de doazón. Durante 2004 realizáronse máis de 27.000 doazóns, o que representa o 22 por cento de todas as rexistradas en Galicia. A alcaldesa dixo que, por enriba dos medios técnicos e tecnolóxicos con que se contan para favorecer as doazóns, a cidade de Vigo conta "cos mellores factores, os cidadáns".

O área de Vigo conta na actualidade con dúas unidades móbiles, facendo un total de tres en toda a provincia. A taxa de doazón na comarca, que inclúe A Padaranta, Baixo Miño, O Morrazo, O Condado e Vigo, é de 47 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, superando en 7 puntos o índice recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS).

A máis moderna tecnoloxía

A nova unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia foi construída por unha empresa galega. O vehículo, de case 13 metros de lonxitude e cun custo de 245.000€, está dotado da máis moderna tecnoloxía. Conta cun área de recoñecemento médico, unha sala de doazón con catro padiolas e unha área de refrixerio. Toda a unidade móbil ten un sistema de climatización para manter unha temperatura interior constante, independentemente das condicións climatolóxicas, así como illamento térmico-acústico.

O titular do departamento de Sanidade, que estivo acompañado na presentación polo director do CTG, o Dr. Carlos Areal, salientou o constante esforzo que o departamento que dirixe está levando a cabo no programa de mellora dos servizos e infraestructuras para á atención ao doado. Neste punto, lembrou que durante os dous últimos anos se teñen inaugurado catro novas unidades móbiles de doazón de sangue e dous novos locais de doazón de sangue nas cidades de Lugo e Ourense.

3.123 novos doantes

O director do Centro de Transfusión de Galicia, Carlos Areal, indicou que no pasado ano se engadiron un total de 3.123 cidadáns no área de Vigo que efectuaban por primeira vez unha doazón de sangue á base de doadores do CTG.

Tanto o conselleiro de Sanidade como o director do CTG invitaron aos cidadáns da bisbarra viguesa e a todos os galegos e galegas a continuar mantendo os excelentes índices de doazón acadados en Galicia ao longo últimos anos e que teñen situado como a Comunidade Autónoma de maior crecemento en índice de doazón de España.

Non obstante, lembraron que as necesidades de compoñentes sanguíneos por parte dos centros sanitarios galegos continuará incrementándose no 2005 polo que será preciso obter unha cifra de, alomenos, 500 doazóns de sangue diarias.
1107266321doazon.jpg
1107266385bus.jpg
Descargar todas as imaxes