Escoitar

O local municipal da rúa Cabral destinarase ao albergue de dúas Unidades Básicas de Acción Social

A Xunta de Goberno aprobou o acondicionamento do local da rúa Dr. Cabral para a instalación de ata dúas UBAS. A Xunta aprobou tamén o proxecto de convenio entre o Concello e a Asociación de Veciños de Teis para a realización de actividades no seu Centro Cívico.

luns, 22 nov 2004
1101136505chema.jpg
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a utilización e acondicionamento do local municipal da rúa Dr. Cobral para a instalación de ata dúas Unidades Básicas de Acción Social (UBAS) que, coa nova distribución xeográfica, serían as de Teis e Travesía (ata agora na rúa Atienza) e que pola poboación que atenden, estaría mellor emprazada. Será traballo da Xerencia de Urbanismo en coordinación co departamento de Benestar Social a redacción do proxecto de adaptación do baixo referido.

No área de Participación Cidadá aprobouse o proxecto de convenio entre o Concello e a Asociación de Veciños de Teis para o uso e realización de actividades no Centro Cívico de Teis. Nel ofertaranse diversos programas e servicios de carácter lúdico e sociocultural con tres eixes temáticos: asociacionismo, manexo das novas tecnoloxías da comunicación e información e promoción da cultura popular, que permiten crear unha dinámica de intercomunicación e participación activa dos veciños. O convenio inclúe unha achega por parte do Concello de 40.748 euros, un 21,06% mais que no trienio pasado. 16.300 euros abonaranse con cargo aos orzamentos deste ano e os 24.448 restantes, con cargo aos orzamentos do 2005.

A Xunta de Goberno aprobou o expediente de contratación das obras do proxecto de instalación dunha plataforma elevadora vertical e 10 postos de ordenador para o centro sociocultural na antiga casa Vieira en Saiáns. O importe da execución das obras é de 43.401,16 euros.

A Xunta aprobou así mesmo o texto de implimentación do "II Plan de acción municipal para combater a violencia contra as mulleres 2004-2007", co que o Goberno Municipal procura unha resposta eficaz a esta demanda social de xustiza.

Por último, en materia de Vías e Obras, a Xunta resolveu deixar deserto o concurso para o subministro de materiais de construcción para o servicio de Vías e Obras por non presentarse ningún licitador e proceder ao negociado sen publicidade para a selección do adxudicatario. Neste senso autorizouse un gasto de 240.000 euros para a contratación do subministro, dos que 20.000 euros serán o importe do presente exercicio.
Descargar todas as imaxes