Escoitar

Vigo acollerá o vindeiro fin de semana dúas probas incluídas no Díptico Ciclista Internacional

150 deportistas procedentes dos equipos profesionais de Portugal, Inglaterra ou Francia, competirán no I Gran Premio Área Metropolitana de Vigo e no XXXI Cidade de Vigo de Ciclismo, que terán lugar o sábado 21 e o domingo 22 de agosto, respectivamente.

xoves, 19 ago 2004
1092916247ciclismo.jpg
A cidade preparárase para dar a saída o vindeiro sábado ao Gran Premio Área Metropolitana de Vigo, que xunto ao Cidade de Vigo de ciclismo o domingo, encherá as rúas da cidade de millares de afeccionados a este deporte.

A concelleira de Deportes, Lucía Molares, xunto cos representantes do Club Ciclista Vigués, foron os encargados de presentar, en rolda de prensa, a que está considerada como a máis moderna competición para Vigo e comarca.

Así, o Díptico Ciclista Internacional, que albergará as dúas probas, congregará, sen dúbida, ás novas xeracións do ciclismo internacional representadas nun total de 150 deportistas procedentes de 19 equipos.

Percorrido
Os participantes no Gran Premio Área Metropolitana de Vigo percorrerán un total de 143 quilómetros a través dos municipios da comarca viguesa. O pelotón partirá o sábado ás 14.00 horas dende o porto deportivo do Real Clube Náutico para continuar por San Cosme, Porriño, Redondela, Arcade, Pazos de Borbén, Prado, Ponteareas, Salvaterra, Guillarei, Tui, San Antoniño, Gondomar, A Ramallosa e Nigrán, para dar por rematada a xornada no colexio Aloya, situado na rúa viguesa Marqués de Alcedo.

Por outra banda, os equipos que competirán o domingo no XXXI Gran Premio Cidade de Vigo dende as 10.00 horas, terán que dar un total de 10 voltas a un circuíto de 12 kilómetros.

Participación
En canto aos participantes, haberá presencia nacional e internacional. Dende o país veciño, chegarán os equipos profesionais Boavista-Carvalhelhos, cos galegos Ezequiel Mosquera e Alejandro Marque nas súas filas, Beppi-Ovarense, co vigués Pedro Fernández e o redondelán Enrique Salgueiro, Immoholhing-Loulé co vigués Ramón Troncoso, ademáis do Antarte-Rota de Móveis e o ASC-Vila do Conde.

Os equipos de fora da península estarán representados pola selección do condado de Yorkshire, de Inglaterra, e o Velo Club La Pomme Marseille, en representación da rexión de Provenza-Alpes-Costa Azul.

As comunidades de Asturias, Castilla-León, Cataluña, Extremadura e País Vasco tamén terán cabida nesta competición ao enfrontarse a un total de sete equipos galegos, entre os que se atopan o Audasa-CC Ártabros, Caixanova-Spol, Frisonoble-Cambre, Hierros Diego-CC Estradense, PSA Vigo/Autronic-CC Vigués, G.D. Súper Froiz e o Vieirasa-CC Ría de Vigo.

Cada unha destas probas celebrarase individualmente e ao remate das dúas xornadas establecerase unha clasificación final por equipos, segundo un regulamento particular, que determinará a clasificación final do Díptico Ciclista Internacional, onde se enmarcan o Grande Premio Área Metropolitana de Vigo e o Cidade de Vigo. O equipo máis regular ao longo das diferentes probas será o gañador da proba máis innovadora do ciclismo internacional.
Descargar todas as imaxes