Escoitar

Fin de semana chea de opcións nas Noites Vivas

Continúan esta fin de semana as actividades, totalmente gratuítas, que organiza a concellería de Xuventude nas Noites Vivas en diversos centros da cidade.

xoves, 6 mai 2004
No Centro Xuvenil da rúa Uruguai pódese pasar o rato nos obradoiros de técnicas antiestres ou preparando un menú xaponés , así como utilizar as salas de xogos con acceso a internet. Na Asociación Xuvenil Abertal na sala multiusos (torneo de dardos, futbolín e pin pon) e internet e sobre ás 22 iniciación á maxia e visionado de estrelas , para xogar a rol nada mellor que achegarse á Asociación Cancerbero

Na A.V.V. Camiño Vello de Coia existe a posibilidade de apuntarse os obradoiros de cociña e logo baixar as calorías inxeridas no Pavillón do Berbés nada máis e nada menos que practicando bailes de salón e baloncesto ou squash.

Máis repousado é o plan do Centro Cívico de Teis que oferta ademáis de música tradicional, a acostumada película dos venres que nesta ocasión é CRAVAN VS. CRAVAN de ISAKI LACUESTA . SINOPSE: En 1918, o poeta boxeador Arthur Cravan, desaparece no golfo de México sen deixar rastro. Na actualidade, outro boxeador e artista, Frank Nicotra (director de cine), inicia unha investigación que o levará tras os pasos de Cravan dende Suíza ata México, pasando por París, Londres e Barcelona, onde loitou contra o campión do mundo dos pesos pesados Jack Johnson, na Praza Monumental.

Máis actividades para o sábado, concretamente no Castro rematará un obradoiro de elaboración de marionetas que tería comezado o venres. Se o tempo o permite, novamente realizarase Tai Chi baixo as estrelas na A.V.V. Dr Fleming, ademais de pendentes para as orellas. Se tés patíns en liña ou dos antigos aproveita para asistir ao obradoiro que se fai en Abertal e se non che apetece moito moverte, podes aprender na sesión de iniciación á informática, e dominarás por fin á computadora.

E coma final desta fin de semana , a quén non lle apetece almorzar o domingo un delicioso biscoito da avoa elaborado a noite anterior por un mesmo no Centro Xuvenil? Se de todos xeitos tes un estilo máis tendente á independencia podes participar nas actividades abertas, accesos a internet e salas a disposición do público que Noites Vivas ten habilitadas en case que todas as sedes.