Escoitar

Representación teatral de “ Tres enredos de amor”

mércores, 13 xuñ 2001
imx339.jpg
O ciclo de teatro “MOARE”, que organiza a Concellería de Cultura, dentro do seu percorrido polas distintas facetas e estilos teatrais, presenta un xénero que é demandado cada vez máis polo público, ó amparo da recuperación do que fixo furor hai dous séculos nos escenarios da capital de España: as tonadillas. “ Tres enredos de amor” representarase o xoves 14 no Teatro Cine-Fraga ás 20.30 h.

Un xénero que xurdiu importado de Italia, e que en síntese, trata de uni-lo texto coa música da época, dentro dun todo que dá como resultado a consecución de pezas teatrais curtas, de aproximadamente media hora de duración cada unha, nas que músicos e actores entrelázanse, e que conclúen cunha especie de bulerías. As tonadillas fixéronse imprescindibles nas representacións teatrais da época e a súa recuperación supón un importante legado tanto escénico como musical. Tanto é así que na Biblioteca Nacional se gardan moitas das tonadillas compostas neses anos.

Un dos tonadilleros máis destacado foi, sen dúbida, Blas de Laserna, e na súa obra está baseada a representación que ofrece MOARE. Laserna tratou de fuxir da influencia italiana das tonadillas, para favorecer a entrada dos compoñentes simplemente hispanos, tanto na letra como na música das súas pezas. Autor prolífico, consérvanse na Biblioteca Nacional máis de seiscentas tonadillas compostas por el, intentou fundar unha escola de cantantes e de músicos especializados en conseguir escapar da influencia italiana, aínda que fracasou nesa empresa.

A obra “Tres enredos de amor” ou “El ensayo de las tonadillas” está baseada en tres pezas de Laserna: “La dama del mal humor”, “El caballero y la modista” e “El viejo desengañado”. Baixo a dirección de Juanjo Granda e a dirección musical de Germán Torrellas, a obra discorre no teatro no que se representan as tres tonadillas. Comeza cos ensaios e preparativos de actores, músicos e bailaríns, e segue coa representación propia de cada unha das pezas curtas escritas por Laserna. Na trama descríbense tamén os cambios de vestiario e de representación que os actores teñen que facer para pasar dunha peza a outra, nun discorrer da escena sen fin, que desenvolve perfectamente o que foi o mundo teatral da época ligado directamente ás representacións deste tipo de pezas.

A representación conta cun elenco importante de actores, a maioría dos cales interpreta varios personaxes ó longo da obra, segundo a tonadilla de que se trate en cada momento. Tamén participa a Orquestra Milenium, composta por oito violíns, dous violoncellos, un contrabaixo, dous óboes, un fagot, dúas trompas, unha guitarra e un par de castañolas.

A obra adquire máis importancia dentro do ciclo “MOARE” canto que é das poucas veces que se representaron en Vigo pezas deste xénero que, coa zarzuela, se está a converter nun dos fixos en cantos festivais ou ciclos teatrais se organizan en distintas cidades españolas.

Descargar todas as imaxes