Escoitar

A alcaldesa destaca que conxugar a cidade industrial coa de servicios "é fundamental para seguir crecendo"

A alcaldesa de Vigo, Corina Porro, manifestou hoxe que conxugar a cidade industrial coa de servicios "supón unha peza fundamental para continuar crecendo" e engadiu que, nesta visión global de cidade, o proxecto para a construcción do novo peirao de transatlánticos "conxuga á perfección estes dous axiomas: servicios e crecemento".

venres, 6 feb 2004
No acto de inauguración das novas instalacións de Termavi no peirao de Guixar, no que estaba presente o conselleiro de Política Territorial, Alberto Núñez, a alcaldesa de Vigo apostou porque a cidade teña o seu propio auditorio e salientou o estudio sobre a recuperación do borde litoral, que está elaborando Zona Franca por encargo do Concello, e que amosa que ámbalas dúas opcións, cidade industrial e de servicios, son posibles, xa que se trata de "acadar máis espacio para o aproveitamento cidadán sen que isto prexudique o crecemento e a competitividade dos servicios portuarios".

Corina Porro apostou ademais por garantir o futuro crecemento do Porto de Vigo. "A súa competitividade e a súa actividade é unha cuestión prioritaria para calquera responsable político que pense en clave de cidade", manifestou.

A alcaldesa dixo tamén que o ano 2005 "vai marcar un antes e un despois na cidade". Coa saída da Volta ó Mundo de Vela, "Vigo amosará que é perfectamente posible disfrutar da nosa ría e, ó tempo, que esta sexa unha peza fundamental do crecemento económico", manifestou, ó tempo que destacou que o proxecto Vigo 2005, co apoio de Zona franca, "poñerá a punto a cidade".