Escoitar

Caballero: “Hoxe iníciase unha gran semana en Vigo que culmina co desfile do Día das Forzas Armadas”

O alcalde felicitou esta mañá aos membros dos exércitos “da paz” polo traballo que desenvolven na seguridade, defensa e salvagarda continua da cidadanía. “Estamos encantados de que o Día das Forzas Armadas se celebre en Vigo”, afirmou na inauguración das actividades programadas na cidade.

martes, 26 mai 2026

Abel Caballero afirmou este martes que todos os actos organizados esta semana en Vigo, que culminan o sábado co desfile do Día das Forzas Armadas de España presidido polas súas maxestades Os Reis, sintetizan a “querenza, respecto e cariño” aos integrantes dos exércitos que se encargan da “defensa, seguridade, presenza en feitos relevantes que requiren da súa actuación, e na salvagarda dos dereitos das cidadás e dos cidadáns de España”.

O rexedor remarcou, que como se determinou na constitución de 1978, as forzas armadas españolas “con tantos outros exércitos do mundo, encárganse de velar pola paz, pola seguridade en misións especiais que salvan vidas, e da forma en que a constitución ordena para que os exércitos desempeñen o seu labor”.

Ante o xeral xefe de mando de apoio á manobra, Marcial González Prada, recalcou a impliación das forzas armadas coa sociedade. “Estaremos unidos Vigo e toda España coas forzas armadas”, remarcou.

Caballero, tras asistir ao izado da bandeira e cortar a cinta que marca o inicio do desenvolvemento das actividades, percorreu os postos despregados na Avenida de Montero Ríos co material das distintas unidades dos exércitos para mostrar á cidadanía as actividades que realiza. No Peirao de trasatlánticos visitou as fragatas "Blas de Lezo" e "Almirante Juan de Borbón". 

Descargar todas as imaxes