O alcalde reclama ao ministerio e á consellería de Sanidade a reposición de Vigo como sede dos exames dos sanitarios
O alcalde enviou este venres senllas cartas á ministra e ao conselleiro de Sanidade instandolles a repoñer a Vigo como sede dos exames MIR, PIR, EIR, FIR, QUIR, BIR e RFIR, tras a publicación, no BOE de onte, do listado das sedes onde se realizarán os exames de 2026 que exclúe á cidade.

Abel Caballero afirmou hoxe que o Concello “non admite” a exclusión de Vigo, por parte do Ministerio de Sanidade e da consellería de Sanidade, da listaxe de cidades que o ano que vén serán sedes dos exames de acceso ás distintas especialidades sanitarias.
O rexedor, tras explicar que a ministra de Sanidade non contestou á carta que lle remitiu o pasado 27 de xullo demandando a reposición da sede de Vigo e que o conselleiro non defendeu aos graduados sanitarios da cidade na reunión das comunidades autónomas onde se acordou a exclusión, advertiu que vai “seguir pelexando de forma continua” porque “estamos en absoluto desacordo” coa decisión”.
O alcalde remarcou que fronte á situación de Extremadura, que se mantén dentro da listaxe de cidades examinadoras pola xestión da súa conselleira de Sanidade na reunión onde se eliminou a Vigo, o conselleiro da Xunta “non defendeu a Vigo e seguro que quedou encantado porque tampouco quere que haxa unha facultade de Medicina”.
O alcalde lembrou que desde 2021 Vigo era sede das probas e que este ano se examinaron no campus de Lagoas 549 graduadados de diferentes especialidades.
Caballero incidiu na ausencia de defensa do conselleiro “porque estou convencido de que se o fixese a ministra atendese a súa demanda”.
Ademais das cartas remitida hoxe polo alcalde á ministra e ao Conselleiro, os concelleiros e parlamentarios socialistas presentarán senllas mocións no pleno do Concello, do Parlamento de Galicia e no Senado. “Non imos parar e en Vigo imos pelexar todo”, recalcou Caballero.
Sanidade
A situación de atención sanitaria de Vigo segue empeorando como consecuencia do peche das urxencias de tarde nos centros de saúde Nicolás Peña, Navia, Coia, Pintor Colmeiro, Rosalía de Castro e na rúa Tui, segundo sinalou o alcalde. “Isto significa que as urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro e do PAC de Pizarro ven máis demandadas e hai moitas máis urxencias”, recalcou ao incidir en que “se todos os que necesitamos urxencias temos pechados seis centros de saúde, temos que ir ao que hai e así se produce unha gran carga de traballo no Cunqueiro e no PAC”.
Caballero apunta que precisamente no verán non pode ser o momento de menor a atención sanitaria na cidade pola elevada demanda tanto da cidadanía de Vigo como do resto da área e dos turistas. “A sanidade en Vigo ten moi mala atención” afirmou.