O novo ascensor da rúa Juan Ramón Jiménez salvará un desnivel de 11 metros
O alcalde explicou que esta actuación, que ten un orzamento de máis dun millón de euros, supoñerá un paso máis para completar o corredor mecánico que vai desde Beiramar ata Hispanidade, na parte alta da cidade.

A cidade contará cun novo ascensor público logo de ser aprobada a adxudicación da contratación das obras para erguer o situado na rúa Juan Ramón Jiménez, entre Marqués de Valterra e Torrecedeira, dentro do programa Vigo Vertical. Tal e como sinalou o rexedor, é o segundo ascensor da zona, que se suma ao que xa está en funcionamento na rúa Instituto Oceanográfico.
A obra do novo sistema de mobilidade vertical ten un importe de máis dun millón de euros e un prazo de execución de 8 meses, coa previsión de que poidan iniciarse os traballos a comezos do verán.
Abel Caballero detallou que se trata dun ascensor exterior acristalado, que salvará un desnivel de 11 metros na rúa Juan Ramón Jiménez, entre os números 37 e 39 de Marqués de Valterra e a rúa Torrecedeira. Contará cunha pasarela de acceso na parte alta e unhas escaleiras para sortear a pendente a pé. A obra incluirá a humanización de toda a zona coa renovación das beirarrúas, unha nova pavimentación, nova rede de pluviais e rede de rega, a renovación da rede de iluminación e do mobiliario urbano coa plantación de novas árbores.
O alcalde destacou que con esta actuación “damos un novo servizo” ao corredor mecánico que vai desde Beiramar á parte alta da cidade, dentro do programa Vigo Vertical, que unirá o Auditorio Mar de Vigo e Hispanidade con dous ascensores de Marqués de Valterra a Torrecedeira (un por Instituto Oceanográfico e o futuro de Juan Ramón Jiménez), o ascentros entre Torrecedeira e Pi y Margall (polo Parque Camilo José Cela), o ascensor de Menéndez Pelayo con Camelias e os futuros ascensores entre Camelias e Romil e entre Romil e Hispanidade.