O Concello avanza no tramo que permitirá completar os 12 quilómetros de paseo do Lagares
Abel Caballero avanzou a licitación das obras que permitirán completar os 12 km do paseo do Lagares, desde o Mercado de Cabral ata Samil. Trátase do tramo comprendido entre a estrada Moledo e o Polígono de Miraflores que permitirá tamén separar a mobilidade peonil do tráfico rodado.
A Xerencia de Urbanismo licitará as obras de execución da senda fluvial do río Lagares desde a estrada de Moledo ata o Polígono de Miraflores. Esta obra, ademais de dotar a zona de seguridade ao separar o tráfico da zona industrial da mobilidade peonil e ciclista, permitirá á cidadanía pasear pola ribeira do río.
O proxecto, que ten un importe de case 300.000 euros e un prazo de execución de tres meses, contempla un tramo de 2,5 metros de ancho e 426 de largo, con zonas conectadas cunha pasarela peonil de madeira. Ao mesmo tempo recuperaranse as marxes degradadas do río coa plantación de árbores e vexetación.
Segundo sinalou Caballero, a execución deste tramo que quedaba pendente no polígono de Miraflores permitirá dar continuidade ao todo o paseo do Lagares, desde o Mercado de Cabral ata a súa desembocadura, completando así 12 quilómetros