Aberto o prazo de inscrición para as primeiras visitas guiadas no cemiterio de Pereiró
As visitas con guías turísticos caracterizados comezarán o domingo 27 de outubro. Xa está aberto o prazo para as rutas da última semana de outubro. O programa de visitas guiadas se desenvolverá ao longo de 21 días, con tres quendas en cada xornada. As reservas realízanse no teléfono 010.
O domingo 27 de outubro comezan as visitas guiadas no cemiterio de Pereiró. As rutas desenvolveranse ao longo de 21 días dos meses de outubro e novembro, con tres quendas en cada xornada (18:30, 19:00 e 19:30), cunha duración de hora e media cada unha. O prazo de inscrición para os días programados no mes de outubro xa está aberto e pódese reservar praza no 010. En cada grupo haberá un máximo de 25 persoas. Estas rutas están dirixidas por guías turísticos caracterizados de catro personaxes históricas: Concepción Arenal, a marquesa de Valadares, Irene de Ceballos e Bernardo González del Valle.
O alcalde informou do calendario completo das rutas guiadas, que serán os días 27, 28, 29, 30 de outubro e o 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10, 12, 13, 14, 15, 16, 17, 19, 20, 21, 22 de novembro. A inscrición será semanal, polo que o 31 de outubro se abrirá o prazo para as visitas do 4 ao 10 de novembro; o 11 de novembro ábrese o prazo para as visitas do 12 ao 17; e o 18 de novembro ábrese o prazo para as derradeiras rutas desta temporada, do 19 ao 22.