Caballero denuncia a "intolerable" derivación de pacientes oncolóxicos de Vigo a Ourense
O alcalde instou este xoves ao presidente da Xunta a cesar “hoxe mesmo” ao conselleiro de Sanidade logo das declaracións realizadas desde o Sergas nas que se argumenta que é unha "elección voluntaria e puntual" dos pacientes someterse a tratamento en Ourense.
Abel Caballero tachou hoxe de “escándalo intolerable” a resposta do Sergas á “enérxica” protesta expresada onte polo Concello de Vigo contra a derivación de pacientes oncolóxicos de Vigo a Ourense. "A denuncia política" ante a medida adoptada polo Sergas transformouse en “indignación”, lamentou.
“Como que é voluntario? Tes que elixir entre ir a Ourense ou que non che fagan nada, ou seguir esperando. Como se atreven a dicir que ir a Ourense é voluntario? É voluntario se che dan a elixir que podes facelo o martes en Vigo ou en Ourense" criticou o rexedor cualificando de "escándalo" a situación da sanidade en Vigo e, especialmente, a situación na que deixan aos pacientes oncolóxicos que ademais de ter que ir a Ourense deben afrontar o custo do desprazamento pola súa conta. "Intolerable e inadmisible”, afirma o alcalde.
O rexedor insistiu en que o presidente da Xunta debería cesar hoxe ao conselleiro de Sanidade pola declaracións feitas públicas desde o Sergas ante esta situación.