Escoitar

A Porta do Sol transfórmase coa instalación dunha batea no marco do TAC! Festival de Arquitectura Urbana

Hoxe comeza a terceira edición de TAC! Festival de Arquitectura Urbana, organizada polo Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, MIVAU, en colaboración co Concello de Vigo, a Fundación Arquia, e co apoio do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. O festival, que conecta talento novo, experimentación e espazo público, arrinca coa inauguración do pavillón temporal Que faena(r)!, dos arquitectos Óscar Cruz García e Pablo Paradinas Xastre.

xoves, 13 xuñ 2024

“A Porta do Sol acaba de ver unha batea por primeira vez” coa obra dos arquitectos Óscar García Cruz e Pablo Paradinas Xastre, destacou hoxe Abel Caballero, ao inaugurar con Iñaqui Carnicero, secretario xeral do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, MIVAU, e impulsor do festival, e a alcaldesa de San Fernando, Patricia Cavada, a exposición temporal que permanecerá instalada na Porta do Sol ata o 14 de xullo. “Non só vemos unha batea, poñémola no centro da cidade e ímola vivir”, afirmou.

Tras dúas edicións en Granada, Valencia e San Sebastián, a céntrica Porta do Sol de Vigo desde hoxe é o punto de encontro para a cidadanía a través de diferentes actividades e propostas. O festival estenderá a súa reflexión á cidade de San Fernando (Cádiz) do 23 de setembro ata o 14 de outubro coa construción do segundo pavillón temporal gañador da edición: O Sal, de José Rodríguez e Carlos Montes González.

Reflexión

Coa reflexión ao redor da rexeneración dos centros urbanos como fío condutor da nova edición de TAC!, Que faena(r)! implicou na súa construción a artesáns e industrias sostibles da comarca de Vigo. O proxecto, seleccionado nunha convocatoria pública que esta edición recibiu unha cifra récord de 127 propostas, propón un encontro entre natureza e artificio, tradición e mediación a través da estrutura da batea —plataforma de madeira que se coloca no mar para a cría e cultivo de marisco, unha das ‘faenas’ máis vinculadas á economía local da rexión— á que suma unha cuberta en forma de rede que alude ao sistema de pesca tradicional como reclamo e acubillo de actividades.

Entendendo ‘faenar’ como 'cousa que se ha de facer', o pavillón consiste nunha estrutura que representa unha batea e o seu uso como plataforma no mar para a cría e cultivo de marisco, unha dos labores ou faenas máis comúns da localidade de Vigo. Xunto a iso, unha cuberta que alude ao sistema de pesca tradicional. Doutra banda, o espazo reservado baixo a batea comprende un rectángulo cun bloque de granito rosado; un fragmento natural da historia xeolóxica e recordatorio do diálogo eterno entre a terra e o mar, entre a gravidade e o vento.

Destacado polo xurado do festival por ser “un proxecto de calidade arquitectónica que permite a versatilidade de usos do espazo, ademais de estar fundamentado nos principios da economía circular, proximidade e no uso de materiais sostibles de mínimo impacto co obxectivo de reducir a pegada ecolóxica”, Que faena(r)! parte da reutilización de materiais considerados residuos e conta coa implicación de produtores locais. Redes de pesca, «bombos» oxidados, madeira recuperada de batea e bloques de granito gozan dunha «segunda oportunidade» tras ver cumprida a súa misión no mar. Desta maneira, o equipo de carpintería Fran Millán e Frouma Atlantic Wood, empresa especializada na fabricación de mobles sostibles con madeira de batea, foron os encargados de construír a plataforma con madeira proveniente das propias bateas. Unha colaboración entre artesáns e arquitectos á que se unen a deseñadora galega Amalia Puga, xunto á asociación de Redeiras “Atalaia” da Guarda, mulleres dedicadas á confección e reparación de redes de pesca, encargadas da elaboración da cuberta de redes do pavillón. Ademais, para promover unha arquitectura de proximidade e sostible, unha vez terminado o festival, Que faena(r)! pretende trasladar o pavillón a Praia do Cocho a modo de plataforma recreativa co fin de alongar a súa vida útil, así como levar a cabo a recirculación dos seus materiais para contribuír á reciclaxe dos utensilios de pesca moitas veces abandonados no fondo mariño.

Actividades

Unha exposición no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) mostrará ata o 14 de xullo unha selección de proxectos destacados presentados ao concurso de ideas desta edición 2024.

A mostra, supón unha demostración da calidade da arquitectura española e do enorme talento dos mozos profesionais do noso país. Doutra banda, o pavillón acollerá un completo programa de actividades públicas, de entrada gratuíta, organizado xunto ao Concello de Vigo e que ten como obxectivo promover a cultura local, o patrimonio histórico e a arquitectura tendo como punto de encontro a construción gañadora da batea Que faena(r)!

Diferentes propostas en torno ao deporte, a música, o patrimonio histórico, o benestar social, o turismo, o comercio, a mocidade e a igualdade compoñen un programa que poderá gozarse no marco do festival e cuxa programación xa está dispoñible na páxina web de TAC! www.tacfestival.com.

 

Descargar todas as imaxes