Comeza o prazo para solicitar as subvencións para entidades do deporte feminino
O alcalde deu conta da publicación do Boletín Oficial da Provincia das bases reguladoras e a convocatoria específica de subvencións a entidades deportivas de Vigo para promover o deporte feminino na temporada de 2023-2024, cun importe de 45.000 euros. O prazo é de 10 días a partir de mañá.
Abel Caballero informou este venres que as axudas municipais ao deporte feminino beneficiaron o ano pasado a un total de 77 clubs de Vigo. O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a nova convocatoria para que os clubs de deportes femininos podan solicitar as axudas cun importe de 45.000 euros. O prazo de solicitude é de 10 días. Lembrou que o obxectivo das subvencións é promocionar o ascenso, a permanencia e a promoción das nenas e mulleres no deporte. “Queremos apoiar o deporte feminino. En Galicia só o 25 por cento das licenzas federadas son de mulleres e temos que seguir facendo que cada vez máis mulleres fagan deporte”. As axudas irán destinadas a atender os gastos xerados polo aloxamento, o material deportivo, instalacións, “para todo o que teña que ver co deporte feminino”, declarou o rexedor.
Axudas ao emprego
Tamén se publican hoxe no BOP as bases reguladoras e a convocatoria das subvencións dirixidas a entidades sen ánimo de lucro para fomentar o emprego mediante proxectos relacionados coa investigación e a innovación. O prazo de solicitude é de 10 días.
O alcalde sinalou que a convocatoria está dotada con 40.000 euros e que cada proxecto poderá contar cunha axuda máxima de 15.000 euros. “Trátase, preferentemente, de que o sector transformador poida acudir para xerar emprego”, indicou Caballero.
A iniciativa debe permitir a adquisición de experiencia investigadora, de innovación en sectores de interese e de tratar de buscar o emprego de alta calidade.