Escoitar

Caballero pon en valor o apoio ao naval coa Zona de Innovación a despregar en Navalia

Abel Caballero presentou hoxe, con David Regades, a nova Zona de Innovación 2024 que, do 21 ao 23 de maio, despregará o Consorcio da Zona Franca de Vigo na novena edición de Navalia. O stand está deseñado para facilitar un escaparate privilexiado a 16 emprendedores, onde mostrar as súas propostas e os seus proxectos innovadores aos principais actores do sector, así como para promover a captación para a formación de novos enxeñeiros navais e técnicos. No acto tamén participaron as concelleiras Elena Espinosa e Ana María Mejías, así como os responsables da feira, José García Costas e Javier Arnau, e o presidente territorial da Asociación de Enxeñeiros Navais e Oceánicos de España, Jorge Dhal.

venres, 3 mai 2024

O presidente e o delegado da Zona Franca de Vigo, Abel Caballero e David Regades, trasladaron este venres aos responsables de Navalia a transcendencia de activar a Zona de Innovación 2024 na nova cita feiral que se desenvolverá no Instituto Feiral de Vigo, Ifevi. Nos 240 metros cadrados despregados polo Consorcio, 16 empresas, enxeñeiros navais, emprendedores, responsables de proxectos que están en incubadoras do sector e titulares das empresas start-ups, poderán mostar as súas innovacións ante profesionais de 75 países e captar posibles investidores.

O alcalde presentou este venres a Navalia como “un gran corazón da economía de Vigo” polo peso da construción naval, e asegurou que a feira “é máis que unha sala de exposicións” do sector, por ser o espazo do encontro das empresas de toda Europa, que coloca á cidade “na liña de cabeza e no punto de saída do que queremos seguir sendo”.

O presidente do Consorcio de Zona Franca incidiu na importancia do naval “polo que significa na capacidade das novas tecnoloxías, e da incorporación de novos profesionais”, ademais de pola construción de buques e o emprego. Así, apuntou que “a gran mensaxe a lanzar” aos mozos desde o stand Zona de Innovación xira ao redor da “gran oportunidade” de formarse nun ámbito cunha gran proxección. Tamén incidiu no peso crecente do transporte naval e realizou un chamamento para “estar preparados” para afrontar os cambios futuros neste ámbito.

Novos retos

David Regades, tras recalcar o momento de cambio e transformación en que se atopa o naval coa necesaria incorporación da aplicación de novas tecnoloxías, a robotización, a capacidade de diversificar e a mellora da competitividade, afirmou que afronta os “novos retos” co apoio da Zona Franca “como ferramenta” que sempre está ao carón da economía e á empresa. Incidiu en que o sector afronta a transición dixital, a enerxética, a sostibilidade ambiental, a diversificación e a formación e capacitación dos traballadores, coa axuda do Consorcio. “Un revulsivo para o avance, a consolidación e para a modernización” do sector naval, asegurou Regades ao anunciar que se estudan novas ferramentas: a creación de incubadoras verticais como as do sector da automoción.

A concelleira de Emprego e deputada no Parlamento de Galicia, Elena Espinosa, ofreceu a súa colaboración co sector.

Apoio

O presidente de Navalia, José García Costas, agradeceu o apoio de Zona Franca e do Concello á que xa anuncia como a mellor edición da feira con 500 expositores de 75 países que representan a 1.000 marcas.

O stand de Zona Franca será o escenario da presentación de propostas innovadoras de enxeñeiros navais de toda España, como a ferramenta que indicará aos buques o mellor roteiro posible para os seus traxectos, os buques autónomos, así como un importante número de proxectos relacionados coa descarbonización e de alta tecnoloxía. Presentarase un catamarán eléctrico.

Descargar todas as imaxes