Declaración institucional polo Día internacional do Pobo Xitano
A concelleira de Benestar Social, Yolanda Aguiar, deu lectura no Pleno deste mes de abril ao manifesto con motivo do 8 de abril de 2024, o Día Internacional do Pobo Xitano
Hoxe celebramos o 8 de abril, Día Internacional do Pobo Xitano. Unha data que lembra e conmemora o Primeiro Congreso Mundial Xitano, celebrado en Londres en 1971, onde se oficializou a bandeira xitana e o himno xitano Gelem Gelem, ambos símbolos de identidade do pobo xitano.
Foi no devandito Congreso cando se iniciou un proceso de concienciación sobre a necesidade de recoñecer e protexer a historia e a cultura do pobo xitano. En España foi en 2018, a petición do Congreso dos Deputados, cando tivo lugar o recoñecemento do 8 de abril como Día do Pobo Xitano.
Unha data dedicada á memoria dos séculos de persecución que sufriron os xitanos e as xitanas, en España e en Europa. Este é un día para lembrar a Historia do pobo xitano, para rememorar a súa prolongada e ardua peregrinaxe de expulsións ao longo dos séculos, para lembrar as vítimas do xenocidio nazi e de tantas outras persecucións sufridas.
Pero este 8 de abril debe ser, tamén, un día de celebración para os xitanos e xitanas, celebración á que, cada vez máis, debemos sumarnos as institucións e o conxunto da sociedade.
Este é un día para poñer en valor e recoñecer unha historia e cultura propias, que enriquecen a sociedade da que todos formamos parte e contribúen, con iso, ao noso desenvolvemento.
Achégase o 600º aniversario da súa chegada á Península, o próximo 2025, e a pesar diso, os xitanos e as xitanas seguen sendo un pobo esencialmente descoñecido. E nese descoñecemento habitan os prexuízos, os receos e, polo tanto, o rexeitamento e a discriminación que converten ao pobo xitano na minoría máis repudiada socialmente en toda Europa.
A única forma de loitar contra este descoñecemento é a construción de espazos e dinámicas que permitan achegarnos e coñecernos mutuamente. Para iso, os poderes públicos debemos comprometernos a xerar esas oportunidades e a reforzar políticas públicas que permitan derribar as barreiras existentes e que propicien o exercicio da súa cidadanía en igualdade de condicións, dunha maneira real e efectiva.
Aínda que nas últimas décadas producíronse avances significativos en dereitos e oportunidades, hoxe en día seguen existindo situacións que requiren a atención dos poderes públicos. Os xitanos e as xitanas continúan aínda sobrerrepresentados na pobreza, cunha grave desigualdade educativa que limita as súas oportunidades laborais de futuro, e con situacións de segregación, tanto escolar como residencial.
Os poderes públicos debemos ser firmes no noso compromiso por seguir loitando contra unha profunda inxustiza que dificulta o avance do pobo xitano: a discriminación, e debemos ser coherentes para garantir que as nosas políticas públicas contribúen a reducir as desigualdades sociais e favorecen a plena inclusión da poboación xitana desde a celebración da súa diversidade e o respecto á súa historia e os seus valores culturais.
Celebremos este 8 de abril cun chamamento para coñecer ao pobo xitano e recoñecer a riqueza do seu patrimonio cultural e histórico. Feliz 8 de abril.