Escoitar

O rexedor demanda o AVE entre Vigo e Porto no 2030

O alcalde reivindica a importancia da liña de alta velocidade entre Vigo e Porto e pide “manter o pactado entre Portugal e España” para darlle prioridade a súa construción e que estea en funcionamento a partir do 2030.

xoves, 25 abr 2024

“O tren de alta velocidade entre Vigo e Porto é irrenunciable para esta cidade e como concepto para todo o territorio de Galicia”. Abel Caballero respondeu así ao acordo do Parlamento Europeo no que se aprobou o plan da Rede Transeuropea de Transportes e rebaixa o horizonte para a liña entre as dous cidades de 2050 a 2040.

Para o alcalde “non é suficiente” e pide “manter o pacto entre o primeiro ministro de Portugal, Antonio Costa, e o presidente de España, Pedro Sánchez, de darlle prioridade absoluta á conexión para incluíla na Rede Básica 2030”.

Caballero lembrou que o Goberno de España avanza na construción do tramo correspondente ao noso lado da fronteira, co estudo informativo do tramo entre a estación de Urzáiz e O Porriño, por onde o tren circulará en túnel “onde xa se están a facer as catas arqueolóxicas”.

Así, o rexedor pediu a Portugal “poñerse as pilas” para que no ano 2030 poida estar rematada a liña e comezar a operar en alta velocidade Vigo-Porto para os pasaxeiros.

Abel Caballero criticou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “permanecera calado cando a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, visitou Vigo e demandou prioridade para a conexión ferroviaria entre Lisboa e Madrid”.

“Eu pido o ano 2030 para a liña de alta velocidade Vigo-Porto e como alcalde non renuncio á importancia deste tren e que sexa realidade o antes posible”, concluíu.

Descargar todas as imaxes