Escoitar

O alcalde reúnese co tecido social e empresarial da cidade e urxe á Xunta a aprobación "inmediata" do PXOM

Abel Caballero, tras analizar este luns con representantes de asociacións profesionais, empresariais, veciñais e deportivas de Vigo a situación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, defendeu que “non existe ningunha razón para que a Xunta de Galicia tente paralizar” o novo ordenamento urbanístico, e por iso insistiu en reclamar á administración galega a súa “aprobación inmediata”, á vez que tende a man para o diálogo. Recalcou que o plan "cumpre coa legalidade", e que conta con seguridade xurídica "total".

luns, 11 mar 2024

O alcalde e a concelleira de Urbanismo garantiron hoxe os niveis de protección que establece o novo PXOM tanto no Castro como en Castrelos, tras as obxeccións realizadas pola Dirección de Patrimonio da Xunta. “O máximo nivel de protección”, afirmou o rexedor ao argumentar a garantía de “todas as accións do Concello tanto no Castro como en Castrelos para seguir protexéndoos”, e que o plan "cumpre coa legalidade", e conta con seguridade xurídica "total".

Caballero argumentou que “todo o mundo é consciente de que o plan é francamente bo, que se adapta á cidade, e que ten que ser aprobado de forma urxentísima”.

O rexedor ao tempo que tende a man á Xunta para “o diálogo", sinala que "queremos que saiban que, necesariamente, tense que aprobar de forma inmediata. Non vale a dilación. Non vale pospoñelo, porque Vigo necesita un plan que é moi bo, que cumpre coa legalidade” e proporciona “unha garantía total de seguridade xurídica e o que diga que non, ten que demostralo”, afirmou.

Os interlocutores empresariais e sociais expresaron ao goberno de Vigo o seu “apoio total”, segundo recalcou o alcalde. “Houbo unanimidade nas intervencións dos asistentes a que necesariamente o plan ten que saír adiante”, detallou o alcalde ao incidir en que é necesario que a Xunta aclare as datas “inmediatas” de aprobación do documento urbanístico “para que a cidade faga os seus propios plans “.

"Necesidade imperiosa"

Caballero incidiu na reunión de hoxe en que o nivel de catalogación de edificios supera “con moito” o do PXOM de 2008, así como na “necesidade imperiosa” de que se aprobe un plan que “vai favorecer vivenda a prezos accesibles, con algún tipo de protección”, así como a creación de espazos deportivos, dotacionais, ademais de zonas verdes.

O rexedor avanzou que o proceso “extraordinario” no que se atopa a cidade require contar cun plan urbanístico. “Non aprobalo será frear unha parte da marcha da cidade”, sinalou ao indicar que na reunión deste luns transmitiu aos interlocutores profesionais e veciñais de Vigo a “nosa vocación de diálogo coa Xunta”, así como que as últimas decisións da administración galega son “estritamente políticas” xa que paralizou a tramitación do PXOM tres días despois das eleccións “sen leren os documentos”.

Descargar todas as imaxes