Escoitar

Vigo sumará un novo tramo de 500 metros no paseo do Lagares

Abel Caballero avanzou que a Xerencia de Urbanismo aprobará o martes 26 de decembro o proxecto de execución da senda fluvial pola marxe dereita do río Lagares desde a estrada Moledo ata a conexión co sendeiro existente no polígono de Miraflores. O goberno local investirá 300.000 euros no novo tramo.

xoves, 21 dec 2023

O paseo de Lagares segue na súa conversión nun gran corredor verde da cidade. O alcalde anunciou que a próxima semana a Xerencia de Urbanismo aprobará o proxecto de execución da senda fluvial pola marxe dereita do río Lagares desde a estrada Moledo ata a conexión co sendeiro existente no polígono de Miraflores. Trátase dun novo tramo aproximado de 500 metros no que o goberno local investirá case 297.887 euros.

Abel Caballero explicou que a execución do paseo do Lagares neste ámbito soluciona o acceso do Lagares no polígono de Miraflores. Segundo manifestou, o obxectivo é separar a senda do Lagares do tráfico do polígono e permitir que todos aqueles que utilicen a senda poidan facelo con seguridade. O alcalde sinalou que a Comunidade de Propietarios do polígono de Miraflores cedeu os terreos para a construción do novo corredor.

Caballero lembrou que de xeito paralelo está en execución o tramo entre Manuel Álvarez e a Avenida de Madrid, unha obra de 3,21km e unha inversión de 1,2 millóns. “Ao concluír teremos 12km de paseo dos 17,7 que ten o Lagares”, concluíu o alcalde.

Seguridade viaria

O Consello da Xerencia tamén dará luz verde ao inicio do procedemento para adquirir un inmoble da rúa Baixada Río número 2 en Sárdoma. Segundo explicou o rexedor, trátase dunha edificación situada na confluencia de catro rúas, nun cruzamento con pouca visibilidade e sen beirarrúas, que se vai derribar para facer un cruzamento que permitirá mellorar a seguridade viaria na zona. A veciñanza acolle con “gran entusiasmo” a medida, tal e como apuntou Caballero, porque era unha demanda da zona.

Instalación ascensores

A Xerencia aprobará a resolución de axudas á instalación de ascensores, mellora na accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas en edificios residenciais colectivos , un programa dotado con 50.000 euros. Financiaranse as obras de 8 comunidades de propietarios de Poboadores, Fernando Conde, Fragoso, López Mora, Xílgaro, Caldas de Reis, Ponte da Veiga e Gregorio Espino. “Temos que facer que o acceso ás vivendas non sexa unha tortura para as persoas con problemas de mobilidade”, sinalou o alcalde.

 

Descargar todas as imaxes