Escoitar

O Nadal contará cun operativo especial de limpeza das rúas

Abel Caballero anunciou este mércores que o Concello despregará un dispositivo especial de limpeza das rúas da cidade durante as principais citas festivas do Nadal coa finalidade de eliminar o elevado volume de residuos que se prevén polas distintas celebracións.

mércores, 13 dec 2023
Abel Caballero cos novos equipos de limpeza
Abel Caballero cos novos equipos de limpeza

O alcalde explicou que o 25 de decembro, así como os días 1, 5, 6 e 7 de xaneiro, o Concello reforzará o servizo de limpeza urbana con persoal e maquinaria.

As previsións para o Día de Nadal son reforzar a limpeza cun dispositivo integrado por 50 operarios e 25 vehículos. Estes encargaranse de recoller as preto de 110 toneladas de lixos que prevén que se acumularán, especialmente de envoltorios, e cartóns procedentes dos regrados.

Caballero avanzou que o Día de Aninovo, o 1 de xaneiro, o servizo tamén se verá reforzado cun operativo composto por 60 traballadores encargados de varrer e limpar as rúas con auga a presión.

A organización fixada para o día 5 de xaneiro fixa a posta en marcha dun operativo de limpeza urxente. Encargarase de levar a cabo unha retirada rápida dos residuos que xere o paso da cabalgata de Reyes. O equipo contará con 40 operarios e 20 medios mecánicos, entre os que se atopan 9 hidrolimpadoras, que se encargarán de restablecer o paso polas beirarrúas, zonas peonís e a circulación dos vehículos. Ademais, entre sábado 6 e o domingo 7 de xaneiro reforzarase a recollida de papel e envases .

O rexedor lembrou que Vigo afronta a limpeza urbana cun equipo de 637 traballadores e cunha frota de 159 vehículos e que a foi premiada con oito escobas de platino, ademais de aparecer en todas as listaxes das cidades máis limpas de España.

Descargar todas as imaxes