Escoitar

Abel Caballero: “Adxudicamos a humanización de Hispanidade, que inclúe o novo ascensor coa rúa Romil, por 1,2 millóns de euros”

Teñen un importe de 1.271.209 euros, dos que 945.000 euros son achegados polo Goberno de España procedentes de Fondos Next Generation UE polo proxecto de implantación de “Zonas de Baixas Emisións e Transformación Dixital e Sostible do Transporte Urbano”.

luns, 11 dec 2023

O rexedor vigués informou da adxudicación, na Xunta de Goberno Local realizada esta mañá, a construción do ascensor desde Romil a Hispanidade e a humanización de Avenida Hispanidade entre as rúas Amor Ruibal e Feliciano Rolán, que teñen un importe de 1.271.209 euros, dos que 945.000 euros son achegados polo Goberno de España procedentes de Fondos Europeos Next Generation da UE.

A actuación comprende 170 metros de lonxitude nos que se instalarán novos pavimentos, novas beirarrúas, a renovación das redes de saneamento, abastecemento e pluviais; as canalizacións dos servizos para soterrar a iluminación pública e semáforos; nova sinalización, novas redes de rega, novo mobiliario urbano, luminarias, xardinería vexetal e arbórea e elementos decorativos, amais de instalar un punto de recarga autónoma para vehículos.

Como indicou Abel Caballero, o ascensor “erguerase de xeito paralelo”, logo da demolición da escaleira de ferro que actualmente comunica Hispanidade con Romil. “O ascensor será panorámico e con capacidade para 13 persoas” ao que se engadirá unha escaleira tradicional comunicando ambas rúas.

Con esta actuación, o goberno municipal segue completando o corredor vertical mecánico que conectará Beiramar e Hispanidade, iniciándose no Auditorio Mar de Vigo, seguindo por Hispanidade, continuando co ascensor de Marqués de Valterra a Torrecedeira, o que conecta Torrecedeira e Pi y Margall, o de Pi y Margall a Camelias, o que vai de Camelias a Romil e o que conecta Romil e Hispanidade.

Descargar todas as imaxes