Escoitar

Teatro, baile e maxia para a fin de semana na programación de VigoCultura

A programación cultural "Vigo a Escena" trae esta fin de semana tres obras teatrais que se poderán ver no Auditorio Municipal na Praza do Rei.

venres, 10 nov 2023

VENRES 10 NOVEMBRO, ás 20:00 h: Óscar Cobos Compañía de Danza: “Bailador”

Bailador é unha peza de danza galega contemporánea baseada nas músicas de Berrogüetto que reivindica o papel fundamental da muller galega como preservadora e transmisora da nosa sabedoría popular; se o noso baile chegou ata os nosos días foi grazas a elas. É un espectáculo de mulleres feito por mulleres no que a danza de raíz galega se mistura coa linguaxe contemporánea creando un novo estilo atemporal. Bailador é unha mostra de respecto, cariño e admiración a todas esas mulleres que, de xeración en xeración, foron quen de perpetuar no tempo as formas danzadas que configuran o noso baile.

Xénero: danza galega contemporánea

Idade recomendada: adulto

Duración: 60 minutos

Prezo da entrada: 12 €

SÁBADO 11 NOVEMBRO, ás 20:00 h: Ibuprofeno Teatro: “Deadpan Karaoke”

Deadpan Karaoke é un espectáculo unipersoal de carácter participativo que propón como ingredientes principais o absurdo, a estupidez, a sorpresa, a comedia, a música e o cine, e que trata de dar resposta á pregunta: É posible o amor nesta sociedade tardocapitalista na que vivimos? Deadpan é unha personaxe incapaz de sentir e expresar emoción. A través das súas accións, e grazas á contextualización das mesmas dentro dun karaoke, consegue facer accesibles e divertidas para o gran público cuestións e dilemas que ocupan aos grandes pensadores contemporáneos.

Xénero: teatro comedia

Idioma: galego

Idade recomendada: adulto

Duración: 75 minutos

Prezo da entrada: 8 €

DOMINGO 12 NOVEMBRO, ás 18:00 h: Magia en la Manga: “A Igualdade non ten truco”

Por que hai máis magos que magas? É certo que estamos afeitos a ver magos, pero tamén teñen existido e existen hoxe moitas mulleres magas. Da man de Sara Rodríguez e Carlos Tomico, chega A igualdade non ten truco, un espectáculo divertido e máxico para todos os públicos que transmite ademais unha mensaxe esencial para a sociedade actual: promover a igualdade de xénero a través da arte do ilusionismo e das vivencias das mulleres ilusionistas.

Unha maga e un mago forman este dúo para realizar misterios e imposibles que ademais nos levarán por diferentes ideas e conceptos do feminismo e da igualdade de xénero. Viaxes e transformacións inexplicables, un conto de fadas reinventado, ou unha volta atrás no tempo á época das primeiras e máis importantes magas; son algúns exemplos do que poderedes ver neste espectáculo cheo de sorpresas ata o final, onde nada é o que parece.

Unha aventura máxica na que descubriremos que, efectivamente, a igualdade de xénero non ten truco ningún.

Xénero: maxia

Idioma: galego

Idade recomendada: familiar, a partir de 6 anos

Duración: 60 minutos

Prezo da entrada: 5 €

Descargar todas as imaxes