O Concello licita o servizo de información municipal 010 por 1,2 millóns de euros
A Xunta de Goberno Local deu luz verde este venres ao inicio da contratación do servizo de atención cidadá a través do teléfono 010 para o período 2024-2027 e aprobou o contrato para o fomento do galego a través do Centro de Interpretación da Oralidade.
O alcalde deu conta este venres dos acordos adoptados polo goberno municipal que inicia a licitación do servizo de atención cidadá a través do teléfono 010 coa aprobación do prego de prescricións técnicas e a dotación económica. O contrato estará vixente de 2024 a 2027 por un importe máximo de 1.269.000 euros (387.000 euros en 2024; 423.191 en 2025; 423.191 en 2026 e 35.256 euros en 2017).
Para Abel Caballero o servizo do 010 “é da maior importancia” e “recibe unha media de 420 chamadas diarias” podendo rexistrar nun trimestre “unha media de 35.000 xestións, principalmente relacionadas con dúbidas sobre trámites municipais e campañas informativas e queremos seguir manténdoo na cidade”.
A Xunta de Goberno Local aprobou tamén a contratación do Centro de Interpretación da Oralidade do Concello co fin de impulsar “o uso do galego nos ámbitos do desenvolvemento cotiá” e impulsar a formación en galego no eido da improvisación e a narración oral coa organización de actividades de improvisación oral nos colexios e na rúa.