O programa “Visita o teu Concello” achega a administración local a 1.800 estudantes
Abel Caballero e a concelleira de Educación, Olga Alonso, recibiron esta mañá, no salón de plenos do Concello de Vigo, aos 50 primeiros escolares en participar no programa didáctico “Visita o teu concello” programado para o curso 2023-2024. Os alumnos do IES República Oriental do Uruguai percorreron os centros de decisión da actividade municipal.
O alcalde recalcou a transcendencia da iniciativa pola que 1.800 alumnos de 5º e 6º de Educación Primaria, así como de 1º e 2º de Educación Secundaria, visitarán durante dúas horas as instalacións do Concello de Vigo onde se adoptan as decisións que marcan o pulso da cidade. O rexedor sinalou que co programa os estudantes acceden a coñecementos sobre o funcionamento da administración municipal, así como sobre as funcións e competencias e o importante papel do Concello na prestación de servizos aos vigueses. "Terán contacto coa forma de gobernar unha gran cidade", afirmou.
Entre as instalacións que vertebran o percorrido didáctico atópase o portelo único instalado na lonxa do edificio municipal, así como o Auditorio Municipal “Cidade de Vigo”, as dependencias da alcaldía; a sala de reunións do equipo de goberno; ademais do Salón de Plenos, a sala de control do tráfico, o laboratorio, a Escola Municipal de Danza e a sala de prensa.
As 43 visitas programadas ten lugar de 10 a 12 da mañá durante os martes e xoves de cada semana.
O Concello pon ao dispor dos centros escolares o desprazamento gratis en autobús.