Escoitar

Abel Caballero atribúe o aumento sostido de pasaxeiros en Peinador ao “tirón” turístico de Vigo

O aeroporto de Peinador consolidou o pasado mes de setembro a curva de ascenso tanto no número de pasaxeiros, cun incremento do 12 por cento con respecto a 2022, como de mercadorías, cun aumento do 262 por cento sobre o movemento rexistrado hai un ano.

martes, 17 out 2023
Plano xeral da cidade de Vigo
Plano xeral da cidade de Vigo

O informe mensual de AENA constata que o pasado mes de setembro utilizaron as instalacións de Peinador 14.815 pasaxeiros máis que en 2019, que representa un aumento do 15,96 por cento. O comparativo interanual rexistra un ascenso de usuarios do 12 por cento, alcanzando os 107.628 viaxeiros.

Os datos de uso do aeródromo vigués do último setembro son os segundos mellores dos rexistrados desde hai unha década, segundo o mesmo documento do ente nacional.

Ao 30 de setembro, o aeroporto de Vigo contabilizou 867.491 viaxeiros, cifra que equivale a un incremento do 10,64 por cento con respecto a 2019 e un 25,50 por cento en comparación co mesmo mes de 2022. "É un aumento importantísimo", defendeu Abel Caballero.

Ante este conxunto de datos o alcalde afirma que "estamos nunha recuperación excepcional do aeroporto polo tirón turístico de Vigo. “É o que significa Vigo, é o noso espazo turístico no mundo e aínda nos queda o Nadal, que vai ser superlativa e, por tanto estamos no trazado da visión correcta do aeroporto”.

O destino que concentra a maior demanda é Madrid, co 63,17 por cento do tráfico, seguido de Barcelona co 20,92 por cento, Gran Canaria co 4,11 ou Londres co 3,59 por cento. Peinador pechou setembro cunha ocupación do 88,44 por cento dos voos.

Entre os destinos destacan Madrid, co 84,22 por cento; Gran Canaria co 84,50 por cento; Palma de Mallorca co 70,50 por cento; Barcelona co 94,92 por cento; así como Menorca co 88,50 por cento; Londres, co 78,50 prol cento; Lanzarote co 78,50 por cento ou Eivissa co 86,50 por cento. O tráfico de mercadorías tamén constatou a evolución en positivo cun incremento do 333,93 por cento con respecto a 2019 e do 262,09 por cento sobre os datos de 2022.

Os datos de Peinador contrastan cos do aeródromo de Alvedro, que caeu un 5,48 por cento con respecto a 2019 e co de Lavacolla que creceu nun 21,31 por cento.

Descargar todas as imaxes